O CiTIUS lucirá talento e proxectos transferíbeis na súa nova xornada Inside The Lab

mércores, 3 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela vai celebrar por quinto ano consecutivo a súa xornada anual de demostración tecnolóxica, o Inside The Lab, un encontro concibido, en palabras do centro, para “xerar valor na industria e a administración a partir de resultados científicos de alto impacto”. Será o venres 12 de xullo.
Terá formato de showroom: unha referencial palestra dos resultados de investigación máis recentes do CiTIUS, todos eles co nexo común de atesourar un gran potencial de aplicación para os axentes do tecido socioeconómico.
A demostración ficará activa en horario libre durante toda a mañá do venres (entre as 10:00 e as 14:00), e, do mesmo xeito ca nas edicións pasadas, terá feitura de feira tecnolóxica, permitindo que os asistentes visiten as instalacións do CiTIUS no horario que lles resulte máis conveniente.
O roteiro será o seguinte: en canto cheguen ao centro, as e os visitantes recibirán un plano coa localización de todos os demostradores repartidos polas dependencias do CiTIUS; o mapa facilitará a localización das posíbeis visitas, unha pequena mostra das últimas tecnoloxías desenvolvidas por equipos de investigación do centro.
Entre as temáticas que estarán presentes na edición 2019 de Inside The Lab atópanse unha solución para a monitoraxe da polución en Cidades Intelixentes (TRAFAIR), unha aplicación nutricional baseada en solucións de Intelixencia Artificial Explicábel, unha aplicación de imaxe hiperespectral para a análise de concas fluviais, ou o desenvolvemento de solucións para a detección e tracking de centos de obxectos en tempo real.
O CiTIUS avanza que participarán no evento 13 demostradores. Estes cubrirán unha ampla gama de resultados transferíbeis en distintas áreas de actividade pública ou privando, avalando a investigación do centro en distintas fases de desenvolvemento (desde prototipos creados a partir de proxectos de investigación, até resultados tecnolóxicos xa transferidos a través de distintas fórmulas).
O encontro contará tamén coa presenza das dúas empresas (spin-off) abrolladas do seo do CiTIUS: por unha banda Situm, cuxo negocio céntrase no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e, pola outra, Imagames, que desenvolve solucións de gamificación en dominios como a aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital. Creadas respectivamente en 2014 e 2015, entre ambas suman xa máis de 40 empregados e presenza en 40 países.
A xornada incluirá tamén a presentación de InVerbis, unha iniciativa beneficiaria do Programa Ignicia Proba de Concepto promovido pola Xunta de Galicia, que a día de hoxe atópase en fase de incubación. Inverbis converterase nunha nova spin-off do CiTIUS en 2020 e a súa actividade principal estará centrada na analítica de negocio por medio de tecnoloxías de minería de procesos.
A participación na xornada é gratuíta e require inscrición telemática até o 9 de xullo, cumprimentando o formulario dispoñible na web oficial da cita.

PUBLICIDADE