O CiTIUS luciu excelencia nunha xornada de portas abertas

luns, 18 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) de Santiago (Campus Sur da USC) recibiu a visita da consellería de Educación, Carmen Pomar, con motivo dunha xornada de portas abertas dirixida a mostrar á sociedade galega o potencial do devandito centro para impulsar novos recursos que melloren a nosa vida (novas ferramentas de comunicación, novos avances médicos, novos xeitos de aproveitar os datos a gran escala para impulsar a sustentabilidade ambiental ou a competividade das empresas, etc). A xornada de portas abertas puxo o foco nas máis novas xeracións de futuras e futuros representantes da investigación galega e mundial. A conselleira estivo acompañada na súa estadía polo reitor da USC, Antonio López.
A visita formou parte dunha iniciativa organizada pola Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que aglutina ao mencionado CiTIUS, o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías). O programa conxunto inclúe obradoiros de robótica, visitas a laboratorios, experimentos ou demostracións de química, física ou biomedicina, entre outras actividades.
A conselleira de Educación agradeceu a importancia de iniciativas “coma esta para achegarlle á poboación o labor que realizan os axentes científicos máis importantes de Galicia”; ao tempo que ratificou a aposta do seu departamento por “afianzar un sistema galego de investigación universitario forte e competitivo no eido nacional e internacional”.
Na súa visita, Pomar lembrou o departamento que dirixe vén de reforzar a investigación universitaria galega para o vindeiro ano 2020 “cunha dotación orzamentaria de 64 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,3% con respecto á partida establecida no presente exercicio”. Tamén explicou que esta partida específica forma parte dos arredor de 441 millóns de euros en transferencias directas ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o vindeiro ano, “o maior importe previsto nos últimos anos xa que representa un crecemento do 18% con respecto a 2015”, dixo.

PUBLICIDADE