O Clúster TIC Galicia impulsa a proxección internacional do sector na feira eMerge Americas de Miami
xoves, 23 de abril do 2026
O Clúster TIC Galicia impulsa, por terceiro ano consecutivo e en colaboración co ICEX e o IGAPE, a participación de empresas tecnolóxicas galegas en eMerge Americas, un dos principais eventos do sector a nivel internacional e porta de entrada aos mercados de Estados Unidos e Latinoamérica, que se celebra ata mañá en Miami.
A delegación, integrada por nove empresas socias (Beditas, Bimbio, Cinfo, Councilbox, Dos Espacios, Ilux Visual Technologies, Macrotest, Peragallo e ScanMeNow), representa máis do 20% das compañías españolas presentes no Pavillón de España (stand 767), onde manterán diferentes reunións e encontros bilaterais para presentar as súas solucións e identificar oportunidades de negocio.
“eMerge Americas supón un punto de encontro clave para conectar co ecosistema tecnolóxico de Estados Unidos e América Latina, establecer contactos de valor e explorar novas liñas de internacionalización”, sinala Agustín Tourón, coordinador do Grupo de Traballo do Clúster TIC Galicia e co-fundador de Councilbox.
O Clúster TIC lembra que na edición anterior superou os 20.000 visitantes e reuniu a máis de 1.000 investidores, 200 relatores e 300 expositores, entre organismos, firmas e emprendedores de sectores como as tecnoloxías profundas, a saúde, as finanzas ou a ciberseguridade.
Actividades paralelas
Os membros da misión participarán, ademais, en distintas actividades paralelas, organizadas en colaboración co ICEX no marco da Miami Tech Week e vinculadas ao ecosistema tecnolóxico da cidade, entre as que destacan o ICEX Ecosystem Day, con visitas a hubs tech de Miami, encontros con novas firmas innovadoras (startups) internacionais e un almorzo de traballo con Abanca USA e a Cámara de Comercio España - Estados Unidos.
Estas accións permitirán reforzar as redes de colaboración con outros organismos de Florida e coñecer de primeira man as tendencias máis innovadoras do sector. Isto, sumado á participación en eMerge Americas, reafirma o compromiso do Clúster TIC Galicia coa internacionalización e co posicionamento global do sector tecnolóxico galego.
