O Clúster TIC e o Clúster do Ecommerce organizan un seminario en liña sobre a propiedade intelectual do software
venres, 10 de outubro do 2025
O Clúster TIC Galicia, en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego e o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), organiza o seminario en liña Desafíos na propiedade intelectual do software o vindeiro 30 de outubro ás 16.00 horas, con inscrición previa gratuíta.
Alberto Álvarez Flores, responsable de patentes, marcas e consultoría na asesoría e xestoría Álvarez Real e axente oficial da propiedade industrial, analizará os principais retos aos que se enfrontan as empresas tecnolóxicas e de comercio dixital para salvagardar as súas creacións software e evitar así a exposición destas ideas innovadoras.
Con este obxectivo, durante a xornada en liña, abordaranse cuestións relevantes como as principais dificultades legais e estratéxicas na protección do software, as proteccións que ofrecen as distintas figuras xurídicas (dereitos de autor, patentes, marcas e segredo empresarial) ou os criterios prácticos para decidir cal é a combinación ideal de protección para cada tipo de software ou innovación dixital. Tamén se tentarán resolver dúbidas comúns relativas a como patentar un algoritmo ou a como protexer o dereito de autor do noso código.
En definitiva, búscase dotar aos asistentes dun marco de coñecemento que lles permita tomar decisións informadas e estratéxicas para protexer os seus activos intanxibles e fortalecer a súa posición no mercado.
Na última fase do seminario abrirase un espazo de debate para que os asistentes poidan trasladar as súas dúbidas.
