O Clúster da Lousa renova a páxina de seu e lánzase ás redes sociais

mércores, 14 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

O Clúster da Lousa de Galicia (Clúster da Pizarra) vén de renovar a súa páxina web, agora “máis sinxela e práctica” de empregar e, tamén, cunha información máis ampla sobre o pasado, o presente e o futuro do sector na nosa terra. A actualización da páxina insírese nunha aposta firme do Clúster a prol das novas tecnoloxías e as novas canles de comunicación, liña na que tamén cómpre encadrar os seus recentemente activados sitios nas redes sociais Facebook e Twitter.
Volvendo á remodelación da web, un dos cambios fundamentais ten que ver coa marxe de uso da mesma en relación cos diferentes dispositivos. Esta marxe ampliouse para mellorar ao máximo a experiencia do visitante dende calquera equipamento (computador, tableta, dispositivo intelixente) e tirando partido de calquera sistema operativo.
A páxina, de feito, é quen de recoñecer o tamaño da pantalla (responsive) na que se está a visualizar, axustando de maneira automática a súa estrutura a cada formato. Polo que respecta aos contidos, achega “a máis ampla información sobre as características técnicas da lousa, os seus usos e as firmas que traballan na nosa terra arredor dela”. Asemade, fornece información actual do sector, con novas e publicacións editadas pola devandita organización e, tamén, a posibilidade de aclarar dúbidas e consultas por parte dos internautas (a través dun formulario de contacto).
A páxina de inicio amosa un menú con cinco apartados. Estas sección son: lousa, empresas, perfil do contratante, colocación de lousa, noticias e publicacións. A web está encamiñada a diferentes perfís de usuarios, dende socios, empresas, profesionais, clientes, usuarios até o público en xeral.

PUBLICIDADE