O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia traslada a súa gala anual ao 30 de outubro

martes, 28 de abril do 2020 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha das anteriores edicións da Noite

Ante as restricións á actividade presencial do Decreto de Alarma pola COVID-19, vixente aínda que en fase de desescalada, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu adiar a celebración da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia ao 30 de outubro. A xuntanza, en palabras do CPEIG “a gala máis importante da informática na nosa terra”, estaba prevista para este mes de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, pero trasladouse ao último trimestre do ano co fin de garantir unha situación máis idónea para a súa celebración.
O evento é un punto de encontro entre os colexiados e colexiadas do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite “é xa unha gala consolidada onde o Colexio pretende mostrar á sociedade o traballo realizado por enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”, engadindo que o seu obxectivo é “dar visibilidade a unha profesión que ten un crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza, e no desenvolvemento económico do país”.
Ademais, no marco desta gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Anterior edición
Na edición de 2019, creouse a categoría de Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, distinción que recibiu o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.
O resto de galardóns foron o Premio e-Inclusión para Camino de los Satélites, unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsábel poden facer accesíbel o Camiño de Santiago a todo o mundo; o Premio Iniciativa Emprendedora para o Club Financeiro Atlántico de Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña; o Premio Iniciativa Empresarial para dúas entidades, Hijos de Rivera e a asociación Alastria; o Premio Iniciativa da Administración para programa de Talleres e Axudas á Dixitalización, promovido polo IGAPE; o Premio Ada Byron para Mónica Fernández Bugallo, profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York; o Premio Traxectoria Profesional para Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA; e o Premio Colexiado de Honra para o director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara.
Ademais, entregáronse o Premio Especial CPEIG pola constancia no apoio da Noite, para Altia e Everis; e o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado para o enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa.


PUBLICIDADE