O Colexio de Xornalistas reivindica o xornalismo de proximidade no contexto da radio dixital

martes, 13 de febreiro do 2024 S. P.

Con motivo da celebración, este martes 13 de febreiro, do Día Mundial da Radio, a xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu un comunicado no que reivindica a información de proximidade e as emisoras locais “dentro do novo ecosistema radiofónico dixital que haberá marcar o futuro do medio”. O Colexio tamén fai un chamamento a superar as eivas e os atrancos que impediron que a nosa terra se situase na vangarda do proceso de transformación da radio.
A un nivel máis concreto e poñendo o foco no futuro da comunicación radiofónica, a entidade profesional loa no seu comunicado iniciativas como a protagonizada estes días por Radio Nacional de España, que anunciou o inicio das súas emisións en DAB+, “un paso necesario que foi reiteradamente adiado na nosa contorna”, explican os xornalistas galegos, criticando que “hai que lembrar que a Xunta de Galicia segue sen convocar o concurso para a concesión de licenzas de radiodifusión dixital, o que coloca a nosa comunidade nunha situación de desvantaxe fronte a modernización da radio en Europa”, sinalan, engadindo que “cómpre esperar que o novo anuncio da RNE sirva de estímulo para unha nova etapa na que se resolvan todos os atrasos acumulados na dixitalización radiofónica”.
O Colexio engade que “é necesario non esquecer a relevancia presente e pasada da radio, especialmente en contextos como o galego, onde ten un papel moi importante a súa capacidade de comunicar con inmediatez desde o local”. E apuntan: “A modernización do medio non pode ser a escusa para un novo desmantelamento das emisoras locais, senón que, polo contrario, debe ser a oportunidade para fomentar as desconexións e a información de proximidade”.
O Colexio de Xornalistas fai un chamamento a cesar os peches de medios radiofónicos, os expedientes de regulación de emprego e a precarización laboral para apostar por unha radio moderna, próxima e de calidade.
O Día Mundial da Radio foi estabelecido pola Conferencia Xeral da Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realízanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.

PUBLICIDADE