O Concello de Ames e Territorios Latentes abordan a análise do Big Data aplicado ao territorio
mércores, 25 de xuño do 2025
O alcalde de Ames, Blas García, e maila co-fundadora e xerente de Territorios Latentes, Natalia Alvaredo López, abordaron este 25 de xuño as posibilidades das ferramentas de análise da análise da información a gran escala (Big Data) no estudo e rexistro do territorio. Fixérono na oitava edición de Innpulso Emprende que se celebrou en Xixón (Asturias).
Trátase do evento máis representativo da Rede Innpulso, que ten como obxectivo principal facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios. Tamén acudiu ao evento a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Dito evento contou coa participación de 42 concellos pertencentes á Rede Innpulso. Ames foi o único concello galego que participou en dito evento.
O encontro, promovido pola Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, celebrouse no LABoral Centro de Arte e Creación Industrial de Gijón e contou coa colaboración do Concello desta localidade.
Esta oitava edición de Innpulso Emprende xirou ao redor da innovación e experimentación no ámbito local. Neste sentido, propúxose que as startup, pemes ou ideas empresariais presentasen un proxecto innovador e/o disruptivo en desenvolvemento que puidese impactar e dar resposta a retos económicos, sociais e ambientais do seu territorio. O Concello de Ames participou no evento xunto coa empresa amesá Territorios Latentes, que ten a súa sede no Polígono Novo Milladoiro (Ames) e que se adica á investigación espacial emprengando tecnoloxías de información xeográfica para recoñecer os valores latentes dos territorios e identificar oportunidades.
O alcalde de Ames, Blas García, e maila cofundadora e xerente de Territorios Latentes, Natalia Alvaredo López, presentaron un proxecto que consiste en deseñar, construír e rexenerar o noso hábitat en función, non só dos coñecementos e métodos tradicionais, senón tamén en función de patróns que decote resultan invisibles.
Blas García foi o encargado de abrir a presentación: “Desde Ames presentámosvos Espazos Latentes, unha empresa formada por Natalia e Javi, dúas persoas mozas que como moitos outros tiveron que emigrar para poder aprender e traballar. Anos despois regresaron a Ames para poñer en práctica todo o seu coñecemento e comezar a emprender. Desde o Concello axudámoslles cedéndolle un espazo no noso Coworking no que poder desenvolver o seu proxecto empresarial”.
Durante a súa intervención, Natalia Alvaredo López, explicou que “dende Territorios Latentes propoñemos unha nova metodoloxía de traballo que consiste na análise do Big Data aplicado ao territorio. Isto axúdanos a abordar os retos de cada lugar con máis información”.
Caso concreto
Natalia Alvaredo sinalou que “vivimos nun núcleo chamado O Milladoiro. É un sitio magnífico en canto a parámetros urbanísticos, gran densidade e diversidade, xente nova, con moita oferta de servizos e equipamentos. Con todo, a percepción dos nosos veciños é que o espazo público é pouco habitable. Tras unha primeira análise de datos sociais, económicos, morfolóxicos, de servizos, de elementos naturais, vimos que seguía existindo unha segregación poboacional forte acentuada pola estrada que nos une con Santiago e que foi o eixo vertebrador do núcleo desde os seus inicios”.
“A análise levounos a entender que era necesario potenciar as conexións transversais de maneira que se podía crear unha rede de espazos libres destinada a mellorar o núcleo ambiental e socialmente; proporcionar espazos habitables de gran calidade arquitectónica e ambiental, mitigar os efectos do cambio climático, promover a mobilidade peonil, impulsar a actividade económica local e, o máis importante, dotar de identidade a Milladoiro”.
“Cando chegou o momento de deseñar unha das prazas que se situaban nesta rede, esta análise tan detallada e a unha escala tan ampla permitiunos contar con variables determinantes. O Big Data encamiñounos cara a unha proposta que sen dúbida sería moi distinta nun exercicio tradicional. Por exemplo, soubemos cales eran os novos percorridos relevantes, o que nos levou a eliminar algúns elementos que actuaban de tapón, soubemos que espazos eran máis confortables, o que nos axudou a colocar o mobiliario máis axeitado, soubemos que baixos había que poñer en valor para dotar de actividade á praza, o que nos axudou a xerar espazos que os fixesen máis atractivos, soubemos entender a praza como un elemento importante en diferentes roteiros (como o camiño de Santiago), o que nos levou a colocar elementos ao servizo dos camiñantes etc. En definitiva, esta metodoloxía innovadora e flexibel axúdanos a entender unha realidade cada vez máis complexa, discernir o relevante e sen dúbida ir da intuición á certeza. Desta maneira podemos poñer ao dispor das persoas os datos, para crear espazos máis confortables, e máis respectuosos cos nosos hábitats”.
