O Concello de Boiro lanza titoriais audiovisuais para facilitar os trámites a distancia da cidadanía

mércores, 20 de maio do 2020 Sonia Pena

O Concello de Boiro vén de dar novos e relevantes pasos en materia de Administración Electrónica, ou sexa, no ámbito tecnolóxico orientado a favorecer a comunicación e a tramitación a distancia, segura, eficaz e inmediata, entre a cidadanía e as entidades públicas. Nesta liña dixital, o Goberno local presentou este 20 de maio unha iniciativa para facilitar á veciñanza os procedementos a distancia mediante vídeos en modo titorial que axuden á xente nos pasos a seguir. Os vídeos teñen a súa razón de ser na necesidade, cada vez maior, de establecer canles online de comunicación, máis seguras e inmediatas, entre concello e cidadanía.
O primeiro dos titoriais que se pode ver xa na canle de YouTube do Concello de Boiro mostra o funcionamento da Sede Electrónica para presentar unha instancia xeral de xeito telemático. Nos vindeiros días iranse publicando máis audiovisuais que mostran como realizar distintos trámites a través da plataforma web, como son o pago de recibos ou comunicacións urbanísticas.
O obxectivo destes vídeos é “facer doados e accesíbeis todos os medios para que a xente poida realizar trámites de xeito telemático e telefónico sempre que sexa posíbel, e evitar que as persoas interesadas teñan que acudir de xeito presencial ás dependencias municipais”.
Desde o Concello estanse a buscar todos os medios para evitar as aglomeracións nas instalacións e tamén tomar as máximas precaucións para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.

PUBLICIDADE