O Concello de Lugo pon en marcha un catálogo arqueolóxico virtual
luns, 4 de maio do 2026
O Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo activou a semana pasada o CALA, o Catálogo Arqueolóxico Lucus Augusti, unha ferramenta virtual innovadora que, segundo sinalaron dende o Consistorio, constitúe “un dos recursos do seu ámbito máis completos do país, polo seu amplo contido así como pola información e aplicacións dispoñibles”.
Permitirá coñecer de preto case 200 pezas arqueolóxicas para achegarse á historia e ás orixes da cidade, con detalles destes restos, descubertos ao longo da historia da cidade e das últimas catro décadas de escavacións arqueolóxicas.
Dende o Concello engadiron que a área de Arqueoloxía leva anos traballando nesta web, para coñecer toda a información relativa a cada unha das pezas, con mapas de xeolocalización, imaxes en 3D e toda a bibliografía dispoñible sobre cada un dos restos.
A principal novidade “é que haberá imaxes en 3D de case 200 pezas, que foron dixitalizadas, polo que moitos dos vestixios que non están expostos en museos e salas de exposición poderanse coñecer a partir de agora a través desta web”, sinalou o Concello, engadindo que CALA vén a divulgar unha gran parte de restos descoñecidos ata agora polo público, cun claro afán de dar a coñecer o rico patrimonio histórico de Lugo.
O rexedor lucense, Miguel Fernández, de quen depende directamente a área municipal de Arqueoloxía, asegurou que “puxéronse todos os medios a disposición deste proxecto para crear esa ferramenta dixital concibida para a documentación, organización e difusión do patrimonio arqueolóxico da cidade”. Ademais, dáse a circunstancia de que este CALA sae á luz xusto cando se cumpren os 40 anos de escavacións arqueolóxicas na cidade de Lugo.
O novo catálogo permite consultar de forma estruturada un conxunto de pezas e elementos arqueolóxicos vinculados á súa localización orixinal ou documentada dentro do contorno urbano. O proxecto combina dous enfoques habitualmente separados: por unha banda, a lóxica de catálogo, con fichas individuais normalizadas e organizadas por tipoloxías; e, pola outra, a visualización xeográfica, que sitúa cada elemento sobre o mapa, facilitando a súa comprensión en relación coa cidade actual. “Este sistema e os conceptos e información que incorpora”, sinalaron dende o Concello, facilita o emprego do CALA por arqueólogos expertos, persoas profanas na materia, guías turísticos que queiran incorporar máis detalles as súas rutas, e tamén polo ámbito educativo”.
En canto ás melloras que introduce este catálogo respecto a outros sistemas de documentación patrimonial, o arqueólogo municipal, Enrique González, destacou “a contextualización espacial real, xa que cada peza preséntase vinculada á súa localización, permitindo entender a súa relación co territorio e coa evolución urbana; o acceso claro e directo aos datos, evitando a complexidade dos visores técnicos ou das bases de datos institucionais; un sistema estruturado por familias ou categorías cun maior orde; a lixeireza tecnolóxica, cunha web sinxela, intuitiva e rápida; e o enfoque divulgativo sen perder rigor, cun equilibrio entre a precisión dos contidos cunha presentación accesible para todo tipo de públicos”.
