O Concello de Santiago crea unha app sobre árbores senlleiras

martes, 18 de abril do 2023 S. P.

O Concello de Santiago vén de presentar unha nova aplicación a xeito de guía interactiva para dar a coñecer as árbores dos parques da nosa cidade, trátase de Senllap. Alén de ser unha guía, esta app permitirá á cidadanía enviar as súas propostas e participar na elaboración dun catálogo municipal de árbores senlleiras.
Senllap, dispoñible en Play Store, presenta un sistema de navegación dividida en catro eixes temáticos: Senlleiras, Parques, Especies e Propostas cidadás.
O apartado Parques achega a usuarios e usuarias unha guía para coñecer as árbores de vinte parques do núcleo urbano, con datos sobre cada unha delas: a súa extensión, tipoloxía, cronoloxía, localización e descrición. Tamén achegará unha infografía onde se poida acceder á descrición e localización de cada unha das especies no mapa, xa que algúns dos parques, como a Alameda, Campus Sur, Belvís ou Bonaval, están divididos en dúas ou máis zonas debido a súa extensión.
Especies ofrece a descrición de case 140 especies ordenadas alfabeticamente. Premendo en cada un dos botóns poderase acceder ao nome científico, ao nome galego e ao nome castelán, ademais de usos, orixe e curiosidades. Os textos están acompañados de fotos das árbores e detalles de follas, flores, sementes ou tronco para facilitar o seu recoñecemento en vivo.
Senlleiras achega información sobre unha listaxe de 34 árbores que se consideran especiais e que poderían optar a incorporarse a un futuro Catálogo Municipal de Árbores Senlleiras, un recurso do que xa dispoñen varias cidades españolas co fin de valorizar, protexer e dar a coñecer exemplares singulares do seu territorio. Nesta listaxe figuran as sete árbores senlleiras do noso concello que están incluídas no Catálogo Oficial de Árbores Senlleiras de Galicia.
En canto ás Propostas cidadás, este apartado recompila as árbores candidatas a figurar no catálogo municipal segundo a opinión cidadán. Para facer estas achegas, os usuarios e usuarias poden facelo a través da sección Involúcrate–subir árbore, co que se pode acceder a unha ficha interactiva para cubrir os datos da árbore, a súa situación, unha breve descrición e fotos da árbore en cuestión.