O Concello de Santiago e GAIN salientan os avances dados polo proxecto smart local

venres, 11 de marzo do 2022 Anxo Sesto

Este 10 de marzo reuniuse a terceira comisión de seguimento e coordinación do convenio entre Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Concello de Santiago de Compostela para o proxecto Smartiago. Tanto o responsábel do proxecto, Sindo Guinarte, como Patricia Argerey, directora de GAIN, coincidiron en sinalar os avances que se están dando nas tres liñas de actuación coas que conta o programa e esperan chegar a fin de ano co proxecto executado.
As tres liñas de actuación son o sistema intelixente e tratamento de residuos (RSU), iluminación ornamental led biocida (Cromalux) e mobilidade (sistema de mobilidade smart). Sindo Guiarte indicou que o proxecto de mobilidade “está moi avanzado no seu despregue” e que agora toca testear a través da plataforma tecnolóxica.
No que respecta á iluminación ornamental “estamos comprobando que ralentiza e mesmo impide que medre a microbiota na pedra dos edificios” sinalou. No caso dos RSU (Residuos Sólidos Urbanos), Guiarte destacou que se está desenvolvendo “segundo o previsto”. Pola súa banda Patricia Argerey, indicou que están moi satisfeitos con estas solucións tecnolóxicas que están atopando para dar resposta ás necesidades da cidadanía.
O proxecto Smartiago é unha estratexia deseñada para responder aos retos de innovación, implicando no proceso a axentes do Sistema I+D+I local, rexional e estatal. É un reto que lidera o Concello de Santiago e que conta cun co-financiamento FEDER, este desenvólvese grazas a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación dende a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago. Está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e un 10% aporta a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

PUBLICIDADE