O Concello de Santiago estrea web para poñernos ao alcance da man os seus recursos de galego

xoves, 12 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Departamento de Lingua do Concello de Santiago presentou hoxe unha nova páxina web, denominada Delingua, lanzada co obxectivo de facilitar o camiño dos internautas-cidadáns cara aos seus recursos e programas lingüísticos (orientados a dinamizar o galego a todos os niveis). Podémola ver delingua.santiagodecompostela.gal.
A web foi presentada hoxe pola concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, quen sinalou que conta con catro grandes bloques, entre os que destaca o de Programas, onde se inclúen agora todas as iniciativas organizadas ou participadas polo Departamento de Lingua, moitas das cales tamén teñen páxinas web propias.
Nesta sección Programas os usuarios poden atopar toda a información de ferramentas e iniciativas como Galegoempresas, Coidar para mellorar, Sen cancelas, Premio Manuel Beiras, Fotolingua, Apego, Atopando Compostela, Enreguéifate, Youtubeir@s, Conto Viaxeiro ou Club de Debate.
A concelleira tamén quixo salientar o apartado de Actividades, que recolle todas as accións que o Departamento de Lingua pon en marcha periódica ou puntualmente. Obradoiros, contacontos, galas, xogos ou festas, entre outras propostas, teñen cabida nesta parte.
A web Delingua complétase cun espazo de Recursos (histórico de programas, dicionario, formación, normativa, terminoloxía, tradutores, outras webs...) e con outro de Novas, que recolle toda a actualidade xerada polo Departamento. Ademais, existe a posibilidade de subscribirse a un boletín e recibir así por e-mail todas as novidades da área que dirixe Nora Díaz e o Departamento de Lingua. Xunto á concelleira Noa Díaz, participaron na rolda de prensa as técnicas municipais do Departamento de Lingua, Soco García Conde e Marta Besada.

PUBLICIDADE