O Concello de Santiago lanza a versión web do xogo de taboleiro Atopando Compostela
martes, 5 de xuño do 2018
Hai
moitos camiños para chegar a Santiago e vivila, e moitos deles son
camiños online. De reencontrármonos coa cidade a súa
contorna polo vieiro dixital é do que trata precisamente a nova
iniciativa TIC do Concello, a versión web do xogo do taboleiro
Atopando Compostela. Esta faciana en liña da aventura foi
dada a coñecer hoxe polo concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña,
quen estivo acompañado por Carmela Sánchez, representante da
empresa que re-desenvolveu o taboleiro e a nova páxina web, Etnoga
Patrimonio Cultural. Segundo fixeron saber, a actualización do xogo
“permitirá seguir fomentando o coñecemento do municipio, e máis
en concreto da súa toponimia, dun xeito lúdico e educativo”.
Para
xogar só é preciso acceder ao enderezo
atopando.santiagodecompostela.gal
e inscribirnos a través do correo electrónico. Podemos xogar de
maneira individual ou en equipos, sen límite de tempo. As preguntas
artéllanse en seis categorías: medio, animais, plantas, xentes,
preguntas visuais, e temática variada. Por cada resposta correcta, o
xogador ou xogadora recibe unha das 36 pezas do quebracabezas do
municipio.
Rafael
Peña lembrou que o xogo de taboleiro Atopando Compostela foi
creado no ano 2011, “pensado sobre todo para o alumnado de
secundaria, e co obxectivo de dar a coñecer a toponimia de
Santiago”. O concelleiro de Medio Rural incidiu en que “os nomes
dos lugares son unha parte importante da nosa herdanza cultural, e
por iso é unha obriga conservalos, divulgalos e mesmo investigalos”,
polo que era preciso adaptar a iniciativa aos novos tempos e aos
novos xeitos de comunicarnos e accedermos ao lecer, de aí que se
puxera en marcha esta versión web (mesmo tentando abrir a actividade
a novos públicos).
Pola
súa banda, Carmela Sánchez, de Etnoga, debullou a dinámica do xogo
e explicou que o taboleiro “segue sendo moi utilizado sete anos
despois da súa creación, mesmo en centros de ensino que non están
en Compostela”. Agora, salientou, “a versión web permitirá que
máis persoas accedan ao xogo, e polo tanto coñezan mellor Santiago
e a súa toponimia”.
A
nova web será presentada publicamente na Casa das Asociacións de
Cornes (Conxo), o 15 de xuño ás 19:00 horas. No acto desenvolverase
unha partida por equipos, na que calquera persoa pode participar
inscribíndose previamente a través do correo electrónico do
Departamento Municipal de Lingua: dlg@santiagodecompostela.gal. Todas
as persoas participantes recibirán un agasallo e o equipo gañador
recibirá como premio unha visita guiada ao Pazo de Raxoi. A partida
estará precedida por unha charla do arqueólogo Xosé Lois Vilar,
arqueólogo e membro da Sociedade Galega de Estudos Miñoranos.
