O Concerto das Letras Galegas poderá verse en directo a través da Rede e a TVG

martes, 10 de maio do 2022 Anxo Sesto

A Biblioteca do Consello de Cultura Galega acolleu na mañá deste luns 9 de maio a rolda de prensa dos actos centrais con que o Consello de Cultura Galega celebra o Día das Letras Galegas deste 2022. A presidenta, Rosario Álvarez, presentou tanto o tradicional Concerto das Letras Galegas (que será emitido en directo a través da TVG e da Internet), como a publicación de homenaxe: a publicación co facsímile do Cancioneiro da loita galega. Xunto a ela atopábanse outras personalidades como Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; o autor Xesús Alonso; o voceiro do grupo Zoar, Álex Salgueiro e a compositora contemporánea Carme Rodríguez.
Respecto da publicación, a presidenta argumentou no limiar do libro para a elección do Cancioneiro da loita galega que “Florencio Delgado Gurriarán é tamén o activista cultural que pon as súas armas, incluída a poesía, ao servizo da causa republicana e da causa da cultura galega”. Este libro foi escrito por Florencio xunto cun grupo amplo de poetas e foi publicado polo Partido Galeguista en México en 1943.
Por outra banda, o grupo de cámara Zoar será o encargado desta edición do Concerto das Letras Galegas. Un dos seus integrantes, Álex Salgueiro, indicou que “está pensando homenaxear a persoa de Florencio Delgado pero tamén ao colectivo que formou parte do exilio mexicano”. Por iso, o programa, que se poderá ver tanto a través da Rede e da TVG o propio día 17, como indo ao Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras a véspera, está conformado por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por “creacións musicais ligadas á diáspora mexicana”.
En cada edición do Concerto das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do CCG. Nesta ocasión, a estrea é a peza Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996).

PUBLICIDADE