O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos fai entrega dos seus premios
venres, 18 de decembro do 2009
O Concurso
de Proxectos Tecnolóxicos que organiza Expourense cada ano para vencellar a
investigación das universidades co mundo empresarial, xa ten gañadores; trátase
de Jorge Breogán López, un alumno da Escola Superior de Enxeñaría Informática
de Ourense, que se fixo co primeiro premio na modalidade de grao medio, e de
Brais Candela, da Universidade da Coruña que gañou no apartado de grao
superior.
Ao certame, que
este ano celebrou a súa IX edición, presentáronse un total de 14 proxectos
(tres para o grao medio e 11 para o superior), e dos seis finalistas do certame
catro estudan na Universidade de Vigo.
Jorge Breogán López presentou ao certame o seu proxecto fin de carreira, unha
ferramenta informática chamada XAS: Sistema de autenticación extensible con
acceso dinámico e restricións que, en palabras do informático, “trátase dun sistema destinado a grandes
organizacións, especialmente centros de ensino, que permite controlar o acceso
aos ordenadores do centro”.
Brais Cancela,
gañador do certame na modalidade de grao superior, presentou ao concurso un
traballo titulado: Utilización de modelos deformables para a localización
do camiño mínimo: aplicación sobre imaxes oculares. O estudante explica
que esta ferramenta “é capaz de detectar
o índice arteriovenoso” e vaise integrar nunha plataforma xa existente e
utilizada en centros de saúde para detectar enfermidades oculares. Segundo
afirma Cancela, “a aplicación xa existía
pero tiña unha marxe de acertos do 85%”. “A miña proposta”, engade, “é unha mellora aos servizos que ofrece esa
aplicación”, conclúe o informático.
O segundo posto no
grao medio foi para Maite Molinos, estudante da Escola Superior de Enxeñaría de
Informática de Ourense, que presentou ao certame un sistema móbil que permite
obter e consultar as notas académicas por Bluetooth
e transmitilas de maneira doada aos interesados. José Manuel Villar, tamén da
ESEI, fíxose co terceiro posto do grao medio por un proxecto que axuda aos
novos empresarios a encontrar a mellor ubicación para o seu negocio nunha
cidade ou nun determinado espazo xeográfico. E Enrique Sánchez, da Escola
Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo, levou o terceiro
premio na modalidade de grao superior por unha aplicación que se pode utilizar
en sectores como a publicidade ou os sistemas de seguridade e que permite ao
usuario interaccionar cun moneco xerado por ordenador. O segundo clasificado na
modalidade de grao superior foi o estudante da Universidade da Coruña, Xurxo
Méndez cun xogo para dispositivos móbiles baseado en GPS.<br
A deliberación do xurado e o acto de entrega de premios tivo lugar este xoves en Expourense
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos
é un certame organizado por Expourense co obxectivo de vencellar a
investigación que se fai nas universidades co mundo empresarial, sensibilizando
á empresa do que lle pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica
para o aumento da produtividade e da competitividade.
