O Consello da Cultura Galega converte a súa web nunha porta de acceso á festa das Letras

xoves, 16 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega non ía ser unha excepción este ano no que se refire a fornecer dunha porta dixital na que petar para accedermos ás celebracións diso que nos vén acompañando e definindo dende séculos: a lingua. De feito, o CCG achega estes días un completo apartado web sobre o Día das Letras Galegas e, máis en detalle, sobre o escritor homenaxeado este ano na festa do 17: o dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. Da festa en si mesma, a páxina do CCG subministra (entre outras moitas cousas) cumprida información sobre as actividades de seu previstas para conmemorar a nosa cultura (o concerto-recital deste mércores en San Domingos de Bonaval) tamén das actividades de outras entidades irmás. Sobre Vidal Bolaño, o número de puntos de vista para coñecer a súa obra que nos ofrece a web, é innumerable.
Dende reportaxes e achegamentos aos representantes do teatro galego que arestora están a traballar co seu legado ata (o artigo sobre a Escola Superior de Arte Dramática) ata traballos propios de reivindicación da obra de Vidal Bolaño (a publicación de Ruada dos Papas e o Unto). Asemade, como posible eixe da actividade informativa, o CCG subminístranos unha completa escolma-axenda das actividades e conmemoracións principalmente didácticas que se están a levar a cabo na Rede, da man de centros de ensino, entidades diversas, medios de comunicación e bibliotecas interesados en pór o seu gran de area para divulgar entre novas (e non tan novas) xeracións a figura do autor de As actas escuras. Hai, polo tanto, nesta sección Enredados con RVB, un pouco de todo: biografías (a da asociación que leva o nome do autor, a da Real Academia Galega), achegas para o ensino (as das bibliotecas escolares, a da USC, a da ESAD), vídeos (a achega da CRTVG, a do CGAI), material divulgativo (o da Secretaría de Política Lingüística), entrevistas, fotografías e máis un dos puntos fortes da sección: o cronograma feito por culturagalega.org para dar a coñecer, dun xeito visual e directo, a figura de Roberto Vidal Bolaño.