O Consello da Cultura Galega dixitalizará centos de documentos de Filgueira Valverde

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

O Consello da Cultura Galega presentou este martes un novo proxecto de seu para preservar o noso pasado e noso legado cultural a través das novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, o CCG formalizou un acordo coa Fundación Filgueira Valverde para dixitalizar documentación do polígrafo pontevedrés, nado en 1906 e falecido en 1996, compañeiro de xeración de boa parte dos nosos máis senlleiros galeguistas (Castelo, Otero Pedrayo, Vicente Risco), cos cales mantivo unha longa relación epistolar. Froito desta relación foron as máis de 500 cartafoles con cartas que repousan no Museo de Pontevedra. Todas elas, xunto con outros documentos, serán dixitalizadas polo Consello da Cultura Galega en virtude do dito acordo, asinado polo presidente desta institución e máis por Fernando Filgueira Iglesias, fillo e presidente da Fundación Filgueira Valverde.
Tamén participou Ana Isabel Vázquez, deputada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra e Carlos Valle, director do museo.
O acordo foi asinado no que foi, durante anos, o despacho de Filgueira Valverde e no que aínda se conserva a que foi a súa mesa de traballo. Segundo apunta o CCG, o material a dixitalizar comprende dous tipos de documentos. Dunha banda consiste no seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia a cultura de Galicia como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous últimos persoeiros xa se pode consultar desde a web do Consello da Cultura Galega), entre outros.
Da outra banda, os traballos de dixitalización tamén comprenden os papeis e notas persoais que documentan a súa relación con diferentes institucións culturais galegas, como o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega así como material relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido Galeguista en Pontevedra. “O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20 000”, informa o CCG, que tamén sinalou que “a gran vantaxe do fondo de Filgueira Valverde é que foi unha persoa que estivo moi activa durante moito tempo, que era moi ordenado e que conservou todo, desde as notas dos instituto, ata os recibos médicos”.
Por certo que os materiais que se dixitalizarán poñeranse a disposición da cidadanía “á maior brevidade posible”.
O acordo asinado este martes, segundo fixo saber o CCG, insírese nunha liña de traballo da entidade galega con alcance moito máis amplo. Trátase dun proxecto que acubilla “unha importante colección de arquivos persoais e fondos privados doados ou cedidos á institución”. Do que se trata é de dixitalizar e preservar arquivos de persoeiros como Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Manuel Puente, Xosé Benito Abraira, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago ou Ramón Piñeiro. A día de hoxe, engade o CCG, a colección inclúe máis de 25 000 documentos, entre cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos ou apuntamentos, orixinais ou copias. A maior parte deles xa se poden consultar desde a web da institución.