O Consello da Cultura Galega leva este mércores á Coruña o proxecto Sophias

martes, 24 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

Sophias é a webserie de ficción coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdad, contribúen a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia. A responsábel do proxecto, Carme Adán; a realizadora, Cristina de La Torre e máis o docente Manuel Torres presentan este mércores na Coruña (IES Eusebio da Guarda, 12:00 horas) esta iniciativa.
Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía (sabedoría) para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma pensadoras destacadas da historia e céntrase nos temas de debate que abriron. Cristina de la Torre é a responsable dos vídeos, que contaron con guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.
A webserie está protagonizada por Marta (Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que filosofan coas ideas destas pensadoras. O primeiro capítulo, titulado Póker de sabias, aborda as filósofas da época antiga e medieval; o segundo, Iluminadas, afonda nas voces referentes do Século das Luces. O terceiro é A filósofa do sacho e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, e Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, Movendo os marcos. O quinto capítulo, Hannah, introduce o pensamento de Hannah Arendt, o capítulo sete repasa as ideas de Judith Butler, e o proxecto tamén destina un capítulo, Cancelo Agra, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega. A propia Agra estivo na presentación e ofreceu unha conferencia.
O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolveu entre Santiago e Ourense a finais de outubro, e co que se buscaba achegar o pensamento dunha maneira lúdica e festiva. Máis información na web do CCG.

PUBLICIDADE