O Consello da Cultura Galega retransmitirá na Rede o Concerto das Letras Galegas

xoves, 29 de outubro do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega confirmou que a décima edición do Concerto das Letras Galegas terá lugar na Rede. O concerto, que se ía celebrar en Ferrol, por ser a localidade de nacemento de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano na festividade do 17 de maio, tivo que ser adaptado por mor da crise sanitaria actual. A cita será este venres 30, xornada na que o escritor ferrolán cumpriría este ano 110 anos. Comezará ás 19.30 horas e retransmitirase en directo desde a web do Consello da Cultura Galega.
A proposta desta edición correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, salientou que o espírito da celebración ficará intacto malia a aposta pola dixitalización: “A actividade conmemorativa seguirá fiel á súa esencia e ofrecerá un diálogo entre a música e a literatura galega, cun claro aceno á cultura da localidade escollida para a súa celebración, aínda que non se puidese celebrar como estaba previsto”.
A décima edición do Concerto das Letras Galegas terá lugar no Auditorio de Galicia en Santiago. A actuación correrá a cargo doutra formación que tamén cumpre dez anos: o Taller Atlántico Contemporáneo. Esta formación, dirixida por Diego García Rodríguez, caracterízase por reivindicar “a proximidade que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público e máis a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos”.
O programa ofrece un diálogo entre a música e a literatura galega “cun claro aceno á cultura da comarca ferrolá”, localidade de nacemento da figura homenaxeada nesta ocasión. Comeza coa composición de Fernando Buide del Real Inger mi calices. Despois interpretarase a peza de Xan Viaño, compositor nado en Ferrol, Músicas nocturnas. No programa poderase escoitar o texto de Rosalía de Castro Ódiote, con composición de César Morán (e arranxos de Alfonso Morán). A raíz do poema Danza, incluído na publicación de 1950 Anjo de terra, Nani García compuxo a peza cuxa estrea absoluta terá lugar mañá venres. A voz dos dous últimos poemas será a de Esperanza Mara. Ademais, a proposta contará cunha intervención coreográfica a cargo da bailarina Janet Novás.

PUBLICIDADE