O Consello da Cultura impulsará en 2018 novos proxectos dixitais e interactivos

xoves, 2 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) segue adiante no seu vieiro para ser, amais dun referente na nosa cultura, un referente na nosa vida tecnolóxica. Así nolo vén de certificar o propio presidente da entidade, Ramón Villares, que presentou este 31 de outubro o orzamento do CCG para 2018 (en total 2.547.225 euros, un 2,9% maior có do ano pasado) e o roteiro de actividades para o devandito exercicio, entre as que se inclúen a recuperación da figura de María Victoria Moreno (homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas), un labor de reivindicación que terá múltiples facianas dixitais. Amais, organizarase unha exposición que condensa o discurso Alba de Gloria que Castelao pronunciou en Bos Aires hai 70 anos, unha xornada galego-portuguesa sobre lumes forestais ou o congreso Diáspora e nacionalismo galego (co que se pecha o ciclo sobre as Irmandades da Fala). A maiores, abrollarán novos proxectos dixitais e interactivos, como por exemplo unha “máquina do tempo”.
Máis polo miúdo, a máquina do tempo será unha aplicación móbil de balde, dispoñíbel para as principais plataformas móbiles e dirixida a “pór en valor o patrimonio móbel de Galicia dun xeito innovador”. Por outra banda, impulsarase o Mapa Sonoro de Galicia, que en palabras do CCG consiste “nunha ferramenta que xeolocaliza coleccións sonoras de carácter etnográfico, musical, antropolóxico e mesmo de son ambiental”. O obxectivo é “reflectir e explorar a diversidade cultural, lingüística e antropolóxica de Galicia a través do son”. O Mapa Sonoro de Galicia parte de 1.000 rexistros do Consello da Cultura Galega e coleccións privadas.
O que vimos de deixar atrás
Villares tamén fixo un repaso da actividade da institución ao longo deste ano 2017. No que vai de ano desenvolvéronse 71 accións, entre presentacións, conferencias e actos institucionais. Amais, o CCG acolleu a celebración de 14 actividades doutras entidades, o que responde á súa arela de “de ser un foro aberto para a cultura galega”. En termos xerais, houbo conferencias de temas de actualidade como as fronteiras, novos horizontes para a cultura galega ou a situación actual dos montes comunais ou o ciberacoso. Ademais, desenvolverasen actividades que permitiron achegar a cultura galega a outros territorios como Bretaña. Exhibiuse unha ollada inédita da transición en Galicia no obxectivo de Anna Turbau e contribuíuse á proxección exterior da cultura galega en Estados Unidos, Alemaña e Portugal.

PUBLICIDADE