O Coruña Estudio Inmersivo foi un dos protagonistas do foro I+P, Ideas para Producir

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

O foro I+P, Ideas para Producir celebrou estes venres 28 de novembro, no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), a xornada central da súa 19ª edición coa presentación de 17 proxectos de cinema e televisión ante os decision makers de canles e plataformas. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, este evento boutique reuniu máis de 150 persoas na Coruña, facilitou alianzas creativas e comerciais, e promoveu a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos audiovisuais.
A xornada de pitching arrincaba coa apertura institucional, a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e a deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García.
Durante o acto, o presidente do Clúster puxo en valor este tipo de iniciativas tanto para o desenvolvemento como para o financiamento dos proxectos. Tamén destacou “a grande acollida que ten cada ano este evento entre os profesionais do sector chegando á súa 19ª edición dunha maneira sólida e madura, e todo isto”, dixo, “nun marco excepcional como é o Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o escenario virtual impulsado pola Deputación da Coruña na Cidade das TIC con mellor equipamento técnico de España e líder da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa, e que é un exemplo destacado de colaboración público-privada e institucional no ámbito audiovisual”.
Pola súa banda, Jacobo Sutil destacou o papel do I+P, Ideas para Producir. “Está demostrado que este foro supón unha excelente oportunidade para que compañías e creadores do país poidan presentar a súas propostas nunha contorna especialmente coidada e co decidido apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”. Tamén fixo un balance positivo dun ano de presencia do audiovisual galego en festivais, rodaxes e mercados, e avanzou algunhas das cifras previstas para o próximo exercicio no relativo ás subvencións neste ámbito. “Desde o Goberno galego seguiremos apoiando ao sector en todas as fases de produción, para o cal xa está previsto un investimento de máis de 6,5 M€ en 2026”, afirmou.
A deputada provincial comezou a súa intervención recoñecendo ao I+P, Ideas para Producir como “un dos espazos máis importantes para o desenvolvemento e a proxección do noso sector audiovisual”. E continuou resaltando o marco no que se celebra, o Coruña Estudo Inmersivo, que “representa non só unha infraestrutura punteira, senón tamén unha maneira diferente de entender a produción audiovisual. Aquí conflúen o talento, a tecnoloxía e a visión de futuro, tres piares que están a transformar o noso sector e que abren novas oportunidades para Galicia nun panorama global cada vez máis competitivo”, sinalou.
Rosa Ana García lembrou que o CEI é unha realizade grazas á colaboración institucional, e destacou o compromiso da Deputación dá Coruña “para seguir traballando á beira do sector, escoitando as súas necesidades e impulsando proxectos que reforcen a súa sustentabilidade e profesionalización”.
Proxectos participantes
O I+P acolleu a presentación de 17 proxectos diante de representantes clave da industria: as longametraxes de ficción Morre con estilo (Die with style) (Avendaño Estudio), Lobos e corderos (Congo Producciones), Casus Belli (Mc Guffin Estudio Audiovisual), #elreto (Orlok Films) e Todos están mortos (Smiz and Pixel); as longas documentais La ciudad más fría (Filmakers Monkeys), Rumbo ás estrelas (Meteórica Cinema) e Golpear a un coloso (Recrea Films), así como a longametraxe de animación Nora y la dama de Anboto (Abano Producións).
O apartado de televisión contou coa participación das series de ficción Spectrus (Arrivelo Producciones), Galdra, jóvenes dragones (Borboligón Filmes), Paco Jones... Yo! (Producións A Fonsagrada - Filmax) e Jesús & Eva (Tourmalet Films); as series de animación Becho (Artyc Content), Jesterina (Blend Studios) e Lola, Porco & Paco (Undodez), así como a docuserie Incalculable (Tamboura Films).
O I+P, Ideas para Producir é unha iniciativa do Clúster Audiovisual, que nesta edición contou co apoio da Deputación da Coruña e do Instituto Galego de Promoción Económica, e co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Tamén colaboraron con este foro as asociacións profesionais AGAG e CREA, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e as compañías Pedralonga Estudios, Music Library & SFX e Gadisa.