O Día das Rapazas nas TIC reivindicou o talento das tecnólogas ante 300 estudantes de primaria e secundaria
xoves, 23 de abril do 2026
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Secretaria Xeral de Igualdade organizaron este xoves 23 de abril a décimo cuarta edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), unha actividade destinada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC (siglas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento tivo lugar na sede do CESGA, no Campus Sur de Santiago, e contou coa asistencia do director científico do CESGA, Lois Orosa, a directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
O presidente do Colexio explicou ao alumnado que a informática é a ferramenta máis poderosa que existe para transformar ideas en impacto real, creando solucións, contactando persoas, resolvendo problemas complexos e mesmo avanzando en ámbitos tan importantes como a saúde, a ciencia ou o medio ambiente, pero sempre con responsabilidade “porque cada vez que desenvolvemos tecnoloxía, estamos a influír no mundo no que vivimos”.
Fernando Suárez tamén aproveitou para contar aos estudantes unha historia relacionada coa misión Artemis II, facendo referencia á carreira espacial dos anos 60 cando, unha muller chamada Katherine Johnson, traballaba na NASA facendo cálculos. “Non era famosa, pero era a persoa que calculaba as traxectorias que permitían aos astronautas ir ao espazo e regresar con vida. Cando comezaron a usarse ordenadores nesas misións, pasou algo moi significativo. Antes de lanzar un astronauta, alguén dixo: Que Katherine revise os números. É dicir, no momento no que o mundo comezaba a confiar nas máquinas, a confianza final seguía estando nas persoas”, relatou.
Trasladando a cuestión ao presente, o presidente destacou que hoxe sucede algo similar xa que, a pesar da intelixencia artificial, os sistemas autónomos ou a computación cuántica, detrás de toda esta tecnoloxía hai persoas que deseñan, programan e revisan números. “A tecnoloxía non fai o futuro, senón que o futuro fano as persoas que crean a tecnoloxía. Precisamos máis persoas, máis talento e, sobre todo, máis diversidade no ámbito tecnolóxico. Unha tecnoloxía construída por persoas diversas é unha tecnoloxía mellor, máis xusta e máis útil para todos”, asegurou.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistiu nunha coloquio virtual aberto, que se retransmitiu en vivo a través de Internet, no que participaron catro profesionais galegas: Marta Castiñeira Reis, Patricia González Gómez, Hilda Romero Velo e Aránzazu Sucasas Hermida. As tecnólogas contaron, dun xeito ameno e detallado, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos.
Un grupo de 300 estudantes dos centros escolares CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, IES República Oriental do Uruguai de Vigo, CPI de San Vicente da Baña, CEIP P. San Roque de Darbo de Cangas do Morrazo, IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra e Colexio Los Sauces de Mos participaron na xornada virtual facéndolle preguntas e comentando dúbidas coas tecnólogas invitadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, unha corentena de estudantes do CEP Pío XII de Santiago fixeron unha visita guiada ás instalacións do CESGA para coñecer o supercomputador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio.
Marta Castiñeira Reis
Marta Castiñeira Reis traballa no CESGA como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos no proxecto EDD-DATAlife. É doutora en Química Teórica e Modelización Molecular pola Universidade de Vigo (2019), unha área que utiliza métodos computacionais para estudar a estrutura, as propiedades e a reactividade das moléculas. Durante a súa tese de doutoramento e a súa etapa de posdoutoramento investigou procesos de catálise, é dicir, reaccións químicas aceleradas ou dirixidas por certas substancias para obter novos compostos de interese, incluídos posibles fármacos.
Tamén traballou en astroquímica, estudando como se forman moléculas no espazo e que procesos químicos poden ter lugar en condicións extremas, como as do medio interestelar. Ao longo da súa carreira foi investigadora na Universidade de Groningen e na Universidade de Santiago de Compostela, e 2024 foi nomeada profesora axudante doutora na Universidade de Alcalá de Henares. O seu traballo combina química, física, informática e análise de datos para responder preguntas complexas sobre a materia, tanto na Terra como no universo.
Patricia González Gómez
Patricia González Gómez é catedrática e investigadora no Departamento de Enxeñaría de Computadores da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase na computación de alto rendemento, incluíndo o uso de supercomputadores, computación na nube (Cloud) e análise de grandes volumes de datos (Big Data) para resolver problemas científicos complexos.
Tamén traballa en áreas como a bioinformática e o desenvolvemento de métodos avanzados para acelerar cálculos e analizar gran-des cantidades de información. Coordinou o Máster en Computación de Alto Rendemento e ocupou varios postos directivos na Universidade da Coruña.
Hilda Romero Velo
Hilda Romero Velo é investigadora no CITIC e candidata a doutora en Computación pola Universidade da Coruña (UDC). Con formación en Música e Informática, e experiencia como pianista e gaiteira, centra a súa investigación na Recuperación de Información Musical e na Etnomusicoloxía Computacional.
Traballa especialmente coa música de tradición oral, como a galega e a irlandesa, empregando metodoloxías e algoritmos da informática e da bioinformática para analizar e comparar melodías co obxectivo de comprender as relacións entre diferentes tradicións musicais. Ademais, desenvolve ferramentas que apoian a aprendizaxe de partituras e sistemas capaces de buscalas a partir dunha cantaruxada ou da interpretación dunha melodía nun instrumento.
Aranzazu Sucasas Hermida
Aránzazu Sucasas Hermida traballa en Telefónica e actualmente é candidata a doutoramento na Universidade de Vigo (UVigo), onde desenvolve unha investigación centrada na segmentación de lesións mamarias en resonancia magnética para a detección precoz do cancro de mama. É licenciada en Enxeñaría de Telecomunicacións (Universidade de Vigo, 1998) e conta cun Máster en Enxeñería Biomédica e Saúde Dixital (Universidade de Sevilla, 2025).
Na actualidade traballa en Optimización Radio en Telefónica Móviles, centrada na análise e mellora do rendemento das redes móbiles (5G, 4G e 3G) para garantir a calidade dos servizos de voz e datos. Anteriormente desenvolveu tarefas de planificación e deseño de redes móbiles, participando en proxectos nacionais como o deseño de sistemas de Tarificación Prepago, así como en proxectos internacionais como a implementación da Interface de Xestión da Rede Intelixente (Roma).
Dende 2012
Desde 2012, o CESGA é impulsor o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras nas TIC na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria e últimos de primaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico cara lograr unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Outras entidades que colaboran na organización da xornada: Xunta de Galicia, Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); Asociación .GAL; Universidade de Santiago (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade); Facultade de Informática da Universidade da Coruña; Universidade de Vigo (Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións); e as asociacións Hello Sisters! e GalsTech.
