O Día dos Medios en Galego celébrase aproximándose á mocidade a través da música

martes, 7 de febreiro do 2023 Redacción

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego, lembrando a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua, O Tío Marcos d’’A Portela. Para celebralo, como previa do minifestival de música galega contemporánea deste xoves 9 ás 20:30 na Sala Capitol con Ortiga e Grande Amore, hoxe celebrouse unha convocatoria de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García (Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore.
Arrincou a rolda Pablo García, agradecendo a colaboración dende o primeiro da SXPL, así como do Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña. “Nos últimos anos consolidamos en Galicia unha rede estable de medios de comunicación que constitúen un soporte para unha información veraz, plural e participativa en galego. Os medios en galego contribuímos á existencia dunha oferta informativa real na nosa contorna e da nosa contorna, cunha ollada galega. Do mesmo xeito conseguimos que o resto do mundo coñeza o que acontece en Galicia, novas, avances tecnolóxicos, descubrimentos científicos, gastronomía, turismo, industria... Sen caer na autocomplacencia é momento de sacar peito e de estar moi orgullosos do camiño percorrido, hoxe celebramos a sexta edición dos medios en galego, máis unidos e mais fortes ca nunca, dentro dos máis de 130 medios que conforman AMEGA temos todo tipo de medios, TV, RADIO, Prensa Escrita, Dixitais... que cobren todas as necesidades de información e lecer. Medios xeralistas e especializados, que non só é que utilicen como lingua vehicular o galego, senón que difunden e posibilitan o xeito de vivir en galego”.
García fixo fincapé na importancia de conectar ca mocidade, e de que “os medios de comunicación son un vehículo de sustento das linguas e da identidade dun pobo, e como tal servimos para que os galegos e as galegas e todos os neofalantes que se acheguen á nosa fermosa lingua poidan ser informados, educados e entretidos en galego”. Por iso, “o futuro xa está aquí, e ante os novos desafíos temos ante nós un prometedor camiño. O talento está na casa, uns medios veraces e de calidade que tenden pontes en lugar de levantar murallas e que este ano convídanvos a Escoitar en galego, ler en galego, ver en galego e gozar en galego”.
García apuntou ademais que o concerto que será retransmitido polas emisoras municipais galegas e que irá precedido dun programa especial, de radio, en directo dende a mesma sala.
Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón, tomou a palabra poñendo o foco en que “o futuro xa está aquí, con Grande Amore e Ortiga”, como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo patente esa conexión coa xente máis moza.
“É tan importante reivindicar este día para visibilizar esa eiva de que a meirande parte da oferta informativa está en castelán e que os datos do uso do galego son moi comprometidos, onde a perda de galegofalantes se acentúa sobre todo nas novas xeracións. Semella que o 50% da docencia en galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fóra desta porcentaxe”.
Lembrou que “o Concello de Santiago foi pioneiro nos anos 80 na normalización lingüística, e seguímolo facendo, a través dos espazos máis tradicionais e dende o eido empresarial e económico”. “Estamos no mesmo barco que os medios en galego, un barco ao que aínda lle seguen faltando apoios para enderezar o seu rumbo, para que a lingua galega se consolide nos medios, que sería fundamental para a supervivencia do meirande patrimonio que temos en Galicia, que é a nosa lingua”.
Valentín García dou a benvida ao Pazo de San Roque, ao “Pazo da Lingua, que se pon de gala para recibir aos medios en galego, fundamentais no proceso de normalización”. Lembrou a data que lembra o día de hoxe, e reflexionou sobre se “Valentín Lamas Carbajal soñou cun Tio Marcos da Portela en galego, e malia que a realidade é que tivemos que agardar moitos anos para que o galego estea nos medios, agora temos que celebralo”. Destacou a cifra de 130 medios na nosa lingua, “un dato para estar orgullosos, pero non para baixar a intensidade. Nunca houbo tantos medios como agora na nosa lingua, pero todas as administracións temos que seguir fomentando a creación de información nos medios Máis próximos á mocidade, como redes sociais, dixitais, radios, tv… Porque recibir información na nosa lingua é como recibir unha información máis nosa”.
Destacouo o proceso de mellora dos eventos polo Día dso Medios en Galego, dende aquel 2018 Barallobre ata este minifestival na Sala Capitol. “Vale máis o que diga Grande Amore ou Ortiga nun escenario que o que diga o Secretario Xeral de Política Lingüística en calquera foro. Eles representan ese sector onde nos costa máis chegar”.

Os artistas falaron

Grande Amore comezou ligando a historia da nosa lingua. “Se vise Valentín Lamas Carbajal o que vai pasar o xoves…” “Igual botaba unha peza”, respondíalle Pablo García. O artista de Valadouro fixo un paralelismo entre a situación dos medios en galego e o mundo da música. “Nunca houbo a sensación de dicir cantos proxectos musicais hai en galego”. A pesar dos datos, considera que é “momento de ser optimista, porque creo que hai efervescencia creativa na nosa lingua”. Ademais, cun sorriso, sinalou que “para min, galegofalante da variante da Mariña, que digo orgulloso faigo, estou aquí encantado, porque ademais nunca tiven o debate de que en lingua fago música, é algo evidente”.
Ortiga deixou claro que non ten un discurso politizado, pero que cre “super imporante reivindicar a lingua, pero non facelo con descendencia, e non na eterna chorada do “non nos axudan”. Como a ninguén. Temos que asumir que a cousa está complicada pero hai que remar”. En calquera caso, defende que “creo que aportamos, na medida do que podemos, a normalizar a cousa”, orgulloso de que a AMEGA o contactase para participar nisto.
Ambos reflexionaron sobre o bo momento da música galega contemporánea. “É verdade que temos un foco enriba, de que “mola” cantar en galego. Pero tamén vemos que aínda existe iso de “Guau… y lo haces en gallego”. Non sei se iso chagará a cambiar nunca”, comentou Ortiga. “Eu, se un tema me saen en galego, en galego, se me sae en castellano, en castellano. A sociedade ten que evolucionar. Creo que iso é normalizar. Aínda me preguntan “Por que en galego?” Pero que pregunta é esa?!”, preguntouse, orgulloso.
Grande Amore recoñeceu que cantar en galego “xenera un prestixio, pero non sei sei se chegará a normalizar. Certo que coñezo xente nova que non son galegofalantes e que xa escolle o galego como vehículo”.

O festival

O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga.

PUBLICIDADE