O EC3 expuxo en Compostela as principais ameazas ás que se enfronta a loita internacional contra o cibercrime

mércores, 30 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

As Xornadas de Informática Xudicial que organizou en Santiago o CPETIG serviron entre outras cousas para pór de relevo un paso necesario na loita contra o cibercrime: é preciso afondar na colaboración internacional para combater a proliferación de delitos relacionados coas novas tecnoloxías. Ou sexa, os fraudes en calquera das moitas modalidades, o acoso a nenos e adolescentes, as intrusións e suplantacións, os ataques a servidores, etc. Este de facer unha fronte común transfronteiriza semella ser un dos grandes obxectivos do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e emprazada en Holanda e cuxo responsábel de implantación, o galego Manuel Álvarez Sobredo, participou nas devanditas xornadas do CPETIG amosando a actividade do centro e, de paso, lembrándonos que Internet é unha fonte de información e comunicación revolucionaria, pero cómpre que sexamos conscientes dos seus ricos (non tanto da propia Rede en si mesma como no que se refire a quen anda nela). Ao seu xuízo, cómpre que nos preparemos para máis ameazas e dende máis países.
En Código Cero tivemos a oportunidade de falar con Álvarez Sobredo e a nosa conversa xirou por unha banda arredor da natureza do dito EC3 e do cometido do relator neste centro, un espazo de traballo internacional que amais de loitar contra o cibercrime, diríxese a botar abaixo os posíbeis atrancos que poida atopar a cooperación entre países e institucións. Dito doutra maneira: encamíñase a normalizar este traballo colectivo, por enriba “de diferenzas, culturas dispares, desconfianzas, posíbeis reticencias”, sinala. Álvarez Sobredo, en certa maneira, opera no EC3 como factor de cohesión. En primeiro lugar, pola súa longa experiencia internacional e, en segundo lugar, polas ligazóns co seu país de orixe. Resultado: a relación do centro cos corpos policiais españois só pode cualificarse de boa.

Álvarez Sobredo, á dereita, durante a mesa redonda das xornadas do CPETIG


O EC3, cuxo cometido é investigar e resolver delitos serios que impliquen a varios países (fraudes, acoso infantil, intrusións), ten no punto de mira un tipo de crimes en claro espallamento. Segundo nos contou o relator, “o medre das novas tecnoloxías da información e a comunicación está a cambiar a vida policial, en certa maneira do mesmo xeito que a proliferación do narcotráfico nos anos oitenta mudou para sempre o noso xeito de traballar”. Daquela, dixo unha boa parte dos crimes a investigar estaba relacionada coas drogas, hoxe son os roubos na Rede ou as redes de pornografía infantil o que centra os devanditos esforzos. Álvarez Sobredo lembrou que ao problema de que unha boa parte de actividade delitiva se tivese envorcado na Rede cómpre engadir outro problema a ter moi en conta: que en breve engadiranse ás redes da cibercriminalidade os países en vieiros de desenvolvemento a onde a Interne non chegou aínda de xeito masivo, pero chegará a medio prazo. “Até o de agora”, dixo, “o noso traballo céntrase sobre todo no primeiro mundo, que é o que ten arestora unha ampla taxa de penetración TIC, pero que pasará cando se incorporen á Sociedade da Información a longa listaxe de países de Asia ou África que aínda non o fixeron, países onde existen regulamentos febles para combater este tipo de delitos ou pórlles freo?”, preguntouse. Na súa opinión, o que vai acontecer será unha proliferación aínda máis acelerada de ameazas, ataques e intrusións, tanto no que se refire á Internet como a dispositivos diversos. Con todo, aínda hai outro gran problema a resolver, recoñeceu. “Trátase do problema da ausencia de denuncias relacionadas coa cibercriminalidade, só unha pequena parte deste tipo de delitos se denuncia”.
O relator
Álvarez Sobredo foi dende maio de 2005 xefe de Recursos Humanos de Europol e dende setembro de 2012, responsábel do equipo de implementación do EC3. Lembrar que este centro entrou en funcionamento este mesmo ano, co fin de contribuír a protexer ás empresas e aos cidadáns europeos fronte á ciberdelincuencia e garantir unha Internet libre, aberta e segura. Entre as súas principais liñas de investigación e actividade figuran os fraudes en liña, os abusos de menores levados a cabo a través das redes e outros delitos informáticos que afectan con frecuencia a centos de vítimas de xeito simultáneo e implican a sospeitosos en diversas partes do mundo. O centro, polo tanto, ten vontade de chegar a onde sería difícil chegar sen o un alicerce internacional firme. De feito, moi poucas operacións contra este tipo de delincuencia se poden levar a bo termo coa única participación dos efectivos das policías nacionais. A estratexia do EC3 céntrase nas actividades ilegais en liña das bandas de delincuencia organizada, especialmente nos ataques dirixidos contra as operacións bancarias e outras actividades financeiras en liña, a explotación sexual infantil en liña e os delitos que afecten as infraestruturas críticas e aos sistemas de información na UE.
Como dixemos, Álvarez Sobredo está a fronte da implementación do novo Centro Europeo para o Ciberdelito (EC3-European Cybercrime Centre). Malia todo, el mesmo confírmanos nunha comunicación previa ás xornadas do CPETIG que a súa experiencia non é tan centrada neste tipo de criminalidade como na xestión de proxectos. Entre estes proxectos, por certo, atópase por exemplo o da formación do persoal de seguridade dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92. De formación, Álvarez Sobredo é policía e psicólogo de organización. Ademais de destinos operativos, traballou nos gabinetes da Secretaría de Estado para a Seguridade e do Director Xeral da Policía (neste último durante moitos anos, como director do Instituto de Estudos de Policía, do que dependían as revistas profesionais, das que tamén foi director). A principios do 2000 recalou por primeira vez na Europol “como experto nacional para dirixir o proxecto Eurorisk que durante 2 anos e medio coordinou as actuacións para a seguridade da introdución do euro, que foi o aspecto máis destacado da presidencia española do primeiro semestre de 2002”, coméntanos. “A principios de 2005 incorporeime a Europol como director de Recursos Humanos, actividade desenvolvida durante case 8 anos”, engade. Logo, cando o Consello da UE aprobou a proposta da Comisión de crear un Centro Europeo para o Ciberdelito, foi quen de ver o potencial enorme do proxecto durante os dous últimos anos de contrato con Europol. “Como a xestión do persoal xa se converteu en algo rutineiro, solicitei ao meu director a adscrición ao proxecto e aquí estou”, explícanos. O relator, que confesa a súa ledicia por volver a Santiago, fará fincapé durante as xornadas do CPETIG na importancia de establecer máis e mellor ligazóns de colaboración entre os eidos públicos e privados para loitar contra o cibercrime, e tamén entre uns países e outros, entre unhas institucións policiais e xudiciais e outras. Amais disto, avánzanos, a solución para atallar do mellor xeito posíbel o crecemento deste tipo de actividades de delito pasa pola concienciación, a sensibilización da cidadanía (usuarios, provedores de Internet, entidades públicas), a ciberproteción e a persecución efectiva dos criminais.

PUBLICIDADE