O Estado recoñece ao Instituto Tecnolóxico de Galicia como Centro Tecnolóxico Nacional

luns, 16 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), do que temos falado recentemente para dar conta da súa innovación enerxética posta en marcha no Hospital Marcide de Ferrol, vén de ser recoñecido polo Ministerio de Economía e Competitividade como Centro Tecnolóxico Nacional, materializándose así como a primeira entidade da provincia da Coruña que recibe tal distinción por parte do Estado. A acreditación, sinalan fontes do ITG, supón entre outras cousas un aval ao traballo que se ten levado a cabo no seo do instituto nos últimos anos, amais dun impulso esencial para futuro da entidade.
A clave deste novo éxito do instituto está na especialización da súa actividade e no medre progresivo das súas capacidades científicas e tecnolóxicas, orientadas sobre todo a achegar servizos de maior valor engadido para outras empresas e institucións. Este recoñecemento, por outra banda, tamén constitúe o establecemento de certas obrigas. A xuízo do ITG, o aval esixe esforzos e compromisos do propio centro en materia de seguir mantendo o máis alto nivel posíbel de excelencia e desenvolvemento.

Carlos Calvo, director do ITG

A distinción do Estado, ademais, ten un valor duplo polas implicacións que amosa no contexto actual de crise, “na que a contracción de esforzos públicos e privados en investimento en I+D é manifesta e na que medrar e procurar a excelencia resulta certamente máis complexo”, sinala Carlos Calvo, director xeral do Centro. Sinalar que a día de hoxe, o instituto está a implantar en España o selo Breeam, unha acreditación de sustentabilidade que constitúe un referente a nivel mundial en sistemas avanzados de sensórica, monitorización e máis eficacia enerxética.

PUBLICIDADE