O Goberno facilitará banda larga a 1.359 familias e empresas da Mezquita e A Gudiña

mércores, 25 de xaneiro do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, estivo esta semana nos concellos da Mezquita e A Gudiña (Ourense), informando das medidas postas en marcha polo Executivo central a prol da transición tecnolóxica e a transformación verde dos concellos do rural. Tamén debullou os plans, a nivel local, para a modernización dos propios concellos ourensáns. Fíxoo acompañado do subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González.
En ambos os concellos o delegado reuniuse cos seus alcaldes, Rafael Pérez e José María Lago, e coas Corporacións municipais para presentarlles as liñas dispoñíbeis para vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e recoller tamén as súas demandas e opinións.
José Miñones avanzou ademais o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital nestes concellos (acción que forma parte do Programa Único-Banda Larga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno).
“Estamos a dar o paso para garantir o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta velocidade na Mezquita e na Gudiña”, sinalou o delegado, detallando que o Programa Único-Banda Larga facilitará a conexión de banda larga con velocidade ultrarrápida a 1.359 familias e empresas da Mezquita e A Gudiña, a través de proxectos que executan empresas de servizos de Internet e que financia o Goberno. “Estamos a falar de garantir a conectividade de máis de 300 Mbps á práctica totalidade do territorio dos dous municipios, en 158 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”, dixo.
No Concello da Mezquita, o Programa Único dixitalizará 75 zonas onde hoxe non existe este tipo de conexión e onde se sitúan 372 familias e empresas. Na Gudiña executaranse 83 proxectos de conexión para levar este servizo a 987 vivendas e empresas deste concello.

PUBLICIDADE