O Goberno galego quere garantir que os polígonos poidan tirar o máximo proveito da Rede

xoves, 1 de marzo do 2018 Redacción

O Goberno galego vén de comunicar a súa intención de asegurar nos polígonos industriais públicos novos ou ampliados as condicións axeitadas para gozaren Internet de alta velocidade. O compromiso da Xunta para garantir estes equipamentos foi dado a coñecer hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trala xuntanza do Consello. Segundo fixo saber, remitirase ao Consello Consultivo o novo decreto destinado a blindar a devandita disposición. O titular do Goberno galego lembrou que ao remate deste ano, 81 polígonos terán acceso a redes de ata 350 Mbps.
Estas complexos industriais, dixo, sumados aos que xa contaban con este tipo de acceso á Internet, “farán posíbel que se chegue a máis do 93% da superficie empresarial ocupada”. Feijóo engadiu que o novo decreto establecerá os criterios de deseño e dimensións que deben cumprir as infraestruturas de telecomunicacións e de soporte, “para que se instalen de xeito homoxéneo e con seguridade”. Tamén “permitirá despregar redes ultrarrápidas cunha axilidade moito maior, trámites administrativos máis sinxelos e menores custos”, engadiu, facendo un repaso polas vantaxes de contarmos nos espazos empresariais con “boas infraestruturas de telecomunicacións”. Dispor delas, sinalou, “fará máis atractivos os parques empresariais e facilitará a captación de novos investimentos industriais en Galicia”.

PUBLICIDADE