O Goberno impulsa a dixitalización en sete concellos galegos a través de Rural TIC

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

O Goberno de España está a impulsar a dixitalización en sete concellos de reto demográfico de Galicia a través do programa Rural TIC, impulsado pola compañía pública INECO, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O presidente da compañía, Sergio Vázquez; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García, asistiron na mañá deste venres 24 de marzo a un dos obradoiros de dixitalización.
Isabel Rodríguez detallou que este compromiso comprende a dotación de tecnoloxías de acceso a internet, a través do programa Único-Banda Larga de extensión de fibra óptica, e o máis recente Único-Demanda Rural, de acceso por satélite en zonas remotas. Neste ámbito, a subdelegada tamén destacou o programa A Administración preto de ti, a través do cal persoal da Subdelegación do Goberno percorre os municipios de Lugo formando á súa cidadanía nos servizos dixitais da Administración do Estado.
Pola súa banda, Mayra García agradeceu aos nómades dixitais de INECO, Eduardo Correa e Esther Ros, a dedicación e profesionalidade que demostraron nos talleres que se impartiron durante a súa estadía no municipio, na Casa da Cultura de Trabada, sobre o uso de apps a persoas de maior idade ou ciberseguridade e pegada dixital a menores.
Os outros concellos xa involucrados no programa son os seguintes: Cerdido (A Coruña), Porto do Son (A Coruña), A Pobra de Trives (Ourense) e Parada de Sil (Ourense) - xunto aos dous que se incorporarán nas vindeiras semanas, Carballeda de Avia (Ourense) e A Gudiña (Ourense). Estes concellos, sinalou Isabel Rodríguez, posicionan a Galicia como unha das tres Comunidades Autónomas con máis municipios rexistrados nesta iniciativa, xunto a Andalucía e Castela e León.
INECO desprega con este programa máis de 100 nómades dixitais a 55 municipios de 15 provincias españolas para, a través da fórmula do teletraballo, asentarse temporalmente no territorio e dedicar parte da súa xornada laboral á dixitalización social e económica do municipio no que se atopen.

PUBLICIDADE