O Goberno inviste 71 millóns do Plan de Recuperación en conectar Galicia á Internet ultrarrápida

mércores, 25 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

Este mércores 25 de xaneiro puidemos saber máis detalles do Programa Ünico-Banda Larga en relación con Galicia, unha das liñas do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para garantir a conectividade completa da poboación en 2025 no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase, segundo fixo saber en Mesía (en Casa Grande de Xanceda) o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, “dun elemento estratéxico das políticas de reto demográfico, pois a dotación de Internet é un servizo básico para o desenvolvemento económico das zonas rurais e a fixación da súa poboación”.
Este programa artéllase en convocatorias ás que se presentan as empresas de servizos tecnolóxicos para executar proxectos de conectividade de altas prestacións en zonas que non dispoñen deste servizo. Actualmente xa están en execución os proxectos das dúas primeiras convocatorias, que permitirán dotar de fibra de moi alta velocidade a 226.725 fogares e empresas de Galicia antes da fin de 2024 con 71,2 millóns de euros achegados polo goberno.
A execución destes proxectos é un exemplo de colaboración público-privada, xa que as empresas achegan o que resta ata a totalidade do custo destas actuacións, estimado en 107 millóns de euros no conxunto de Galicia.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González, visitaron este mércores 25 as instalacións da Casa Grande de Xanceda, en Mesía. Esta beneficiouse do programa PEBA (anterior plan estatal) do Goberno para a conectividade, o que posibilitou a súa dotación de Internet, fito chave para a consolidación do negocio que permitiu a posta en marcha das canles de venta e difusión en web. No Concello de Mesía, o Programa Único-Banda Larga contempla a extensión da Internet ultrarrápida a 759 vivendas e empresas situadas en 285 zonas que hoxe non teñen este servizo.

PUBLICIDADE