O Goberno puxo en marcha da plataforma Comercio Conectado
martes, 20 de febreiro do 2024
A secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, presentou o pasado venres 16 de febreiro a Plataforma Comercio Conectado, unha iniciativa innovadora que crea un espazo pensado para servir de punto de encontro ao comercio polo miúdo cun dobre obxectivo: impulsar a súa dixitalización e fortalecer a súa competitividade empresarial, a través de servizos de información e formación en apoio ás pequenas e medianas empresas (pemes) e ao comercio retallista.
A Subdirección General de Comercio Internacional de Servicios y Comercio Digital convidou a diversas asociacións de todo o país a participar nunha experiencia piloto para que puideran probar a plataforma e construír en conxunto o Catálogo de Asociacións, un catálogo ao que poden xa acudir tódolos comercios retallistas (polo miúdo) interesados en asociarse ou buscar servizos especializados.
A plataforma ofrece formación, comunidades e recursos para impulsar a transformación dixital do comercio polo miúdo, que constitúe preto do 5% do PIB da economía española, con máis de 1,9 millóns de afiliados á Seguridade Social.
Tamén pretende crear unha rede nacional que aglutine a todas as entidades, administracións e particulares vinculados ao comercio polo miúdo. Será, en palabras do Goberno “un espazo de colaboración para o sector comercial español que potencie a súa competitividade e a mellora dos seus procesos”.
Entre as entidades galegas que forman parte do proxecto inclúese a Asociación Boirense de Empresarios (ABE), que foi a primeira entidade do pais en formalizar a alta na plataforma o pasado 25 de novembro, ademais de participar no programa piloto previo no que achegou suxestións e novas funcionalidades que xa están integradas na plataforma á que pode accederse dende a propia web do proxecto.