O Google Chrome xa é o 3º navegador web máis utilizado

xoves, 17 de decembro do 2009 Marcus Fernández

O navegador web Google Chrome conseguiu algo que parecía imposible no seu lanzamento, que é chegar a un terceiro posto coma o navegador máis empregado, superando a Safari, navegador que ten problemas para popularizarse máis aló dos equipos de Apple.
O lanzamento de Chrome para Linux e Mac OS X tamén podería ter contribuído considerablemente a este incremento de uso, de xeito que as bondades do navegador de Google (como a súa seguridade e velocidade) estarían a convencer cada vez a máis usuarios, non contentos co Internet Explorer, e que vén coma a súa principal alternativa, o Firefox, é un produto demasiado pesado.
Segundo Net Applications, compañía que analiza os hábitos de navegación de 160 millóns de visitantes únicos ao mes repartidos en 40.000 páxinas web, o Internet Explorer levaría o 63,6% do mercado, seguido polo Firefox (24,7%), o Chrome (4,4%) e o Safari (4,37%), o que tamén podemos ler como unha nefasta nova para o Opera, navegador que cada vez está máis lonxe dos escritorios informáticos (aínda que goza de boa saúde en terminais móbiles).