
A formalización da compra produciuse tras a súa ratificación na xunta xeral de accionistas do Grupo celebrada o pasado 26 de xuño, e a súa aprobación por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. En palabras do Grupo, “esta operación é un importante fito na historia das compañías e do propio sector, significa a creación do operador converxente de fibra óptica líder no norte dentro do mercado das telecomunicacións do Estado”.
Segundo engaden os responsables da fronte empresarial, a operación dota ao Grupo Euskaltel e a cada unha das marcas que o compoñen, incluída a galega R, “de maiores fortaleza, eficacia e capacidade de crecemento, nun sector de gran competencia como o das telecomunicacións”.
O Grupo tamén anunciou que a partir de agora ofrecerá os seus servizos a un mercado de 6 millóns de persoas, aumentando un 20% o mercado de seu e fornecendo de 2,4 millóns de servizos diarios a máis de 800.000 clientes, cun elevado cociente de penetración (67%) de 3 e 4 produtos na súa base de clientes.
Por certo que a suma do tres mercados nos que opera o Grupo (Euskadi, Galicia e Asturias), representa o 12,76% da poboación e o 13,34% do PIB do conxunto do Estado. A compañía tamén reiterou onte a súa intención de seguir sendo comprometida localmente coas Comunidades das que proveñen as súas firmas integrantes, mantendo o carácter e a identidade orixinaria das tres empresas, Euskaltel, R e Telecable, “o que se traduce na continuidade e fortalecemento das súas marcas”. Segundo conclúe o Grupo referíndose ás vantaxes directas para os usuarios, alén do mantemento das liñas de identidade, “esta unión do tres operadores beneficiará a clientes, empregados e provedores, porque o tres compañías comparten unha firme e decidida aposta pola proximidade, a calidade e a innovación en produtos e servizos”.
O Grupo Euskaltel formaliza a compra de Telecable e a súa intención de ser líder no norte de España
Compartir Este Artigo
