Tras o fracaso da tecnoloxía 3D nos televisores os fabricantes tentaron atraer a novos compradores coa ultra alta definición, o que non resultaba ser dabondo para impulsar o mercado xa que só resulta apreciable en pantallas de tamaño extraordinariamente elevado, polo que tiveron que buscar outra tecnoloxía que puidese resultar o suficientemente rechamante como para chamar a atención ao futuros compradores, e apostaron polo HDR en vídeo, ou sexa, por empregar imaxes de alto rango dinámico, o que supón unhas cores máis vibrantes, unhas sombras máis detalladas e uns brillos máis rechamantes, ou sexa, que a simple vista temos a impresión de que as imaxes son moito máis claras e están máis vivas, converténdose nun interesante reclamo que dende hai uns meses vai ligado ao 4K nos televisores de consumo, estando á espera de recibir contidos adaptados.
Para contribuír á adopción desta nova tecnoloxía vimos como nas últimas semanas a PlayStation 4 recibía unha actualización para soportar vídeo en HDR, e tamén soubemos que as últimas producións de Netflix estaban tamén dispoñibles en 4K con HDR, polo que agora é unha magnífica nova que a outra grande fronte de contidos audiovisuais siga o mesmo camiño, e YouTube anuncia que agora xa conta con soporte para vídeos HDR.
Deste xeito YouTube convértese nunha das plataformas con maior soporte de formatos de vídeo, de xeito que tras o HD incorporou o 4K, tamén acepta contidos en directo, vídeo estereoscópico (3D), vídeo en 360 graos e incluso audio espacial, e agora teñen tamén HDR, aínda que para levar os contidos aos televisores será preciso contar con aplicacións e dispositivos compatibles, como o Chromecast Ultra, presentado hai cousa dun mes.
A partires de hoxe calquera produtor de contidos en vídeo HDR pode compartilos a través de YouTube (existindo xa unha atractiva listaxe de reprodución con vídeos que demostran esta tecnoloxía), achegando así esta nova dimensión a moitos máis espectadores (que poderán gozar igualmente dos vídeos aínda que os seus trebellos non conten con esta tecnoloxía).
O HDR chega aos vídeos de YouTube
Compartir Este Artigo
