O HP Spectre x2 preséntase como alternativa ao Surface Pro

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

Co gallo do Festival de Cannes HP decidiu presentar un novo equipo na liña dos Surface Pro de Microsoft, o HP Spectre x2, que vén a ser unha tableta con peaña que pode empregarse cun teclado extraíble e cun lapis dixitalizador, de xeito que ofrece as vantaxes dunha tableta táctil, dunha tableta gráfica e dun ordenador portátil, de aí que este tipo de dispositivo resulte especialmente atractivo para usuarios creativos.
O novo HP Spectre x2 é un equipo de pouco máis dun quilo de peso, que destaca pola súa pantalla de 12,3 polgadas cunha resolución de 3.000 x 2.000 píxeles (na liña da proposta de Microsoft) que non escatima en potencia ao funcionar con procesadores Intel Core i7 de sétima xeración, almacenamento SSD M.2 de 360 GB e gráfica Intel Iris Plus 650 (capaz de mover 2 monitores externos de 4K). A súa batería promete unha autonomía de 8 horas para reprodución de vídeo e conta con carga rápida, Bluetooth 4.2, Wi-Fi AC e altofalantes estéreo Bang & Olufsen. Chegará ás tendas en xuño a un prezo que parte dos 1.599 euros.

O HP Spectre x2 ten teclado extraíble e stylus para ser un dos equipos máis versátiles do mercado

PUBLICIDADE