O HP Spectre x2 preséntase como unha alternativa ao Surface Pro 4

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Collendo o relevo da presentación de Microsoft de onte, HP lanzouse a presentar novos ordenadores premium con Windows 10, con coidados deseños e avanzadas prestacións, como un sorprendente ordenador todo-en-un da liña HP Envy cunha pantalla curva de 34 polgadas, outros todo-en-un máis modestos con pantallas de 23,8 e 27 polgadas que chegan até resolucións 4K, portátiles da liña HP Stream con pantallas de 11,6 e 13,3 polgadas con prezos moi axustados (dende 269 e 299 euros respectivamente) e incluso un novo HP Pavilion Gaming, portátil con pantalla de 15,6 polgadas, gráfica nVIDIA GeForce GTX 950M e procesadores Intel Core i5/i7 de sexta xeración que poden equiparse con até 16 GB de RAM e que sairán á venda este mesmo mes por a partires de 999 euros (prezo difícil de crer hai uns meses).
Pero o equipo que queremos destacar é o HP Spectre x2, por ser precisamente a resposta de HP aos Surface Pro de Microsoft, que poden converterse en produtos de grande éxito ao contar cunhas prestacións un pouco inferiores para conseguir así un prezo moito máis axustado.
O novo HP Spectre x2 ofrece unha grande experiencia como tableta (cun preso de 840 gramos e un grosor na súa pantalla de 8 milímetros), incorpora os novos procesadores Intel Core M2 de sexta xeración, non incorpora ventilador para a súa refrixeración (polo que o seu funcionamento é silencioso), inclúe unha unidade SSD de até 256 GB, a súa batería permite unha autonomía de até 10 horas de uso, a para operar como un ordenador conta cun teclado de viaxe de 1,5 milímetros de grosor que integra un touchpad de grande tamaño (120 x 55 milímetros).
Na liña da tableta de Microsoft, o HP Spectre x2 ten unha pantalla de 12 polgadas, que neste caso limita a súa resolución a 1.920 x 1.280 píxeles, e para colocala no escritorio conta cunha peaña regulable en 150 graos que pode bloquearse a través dun botón lateral. A pantalla tamén pode empregarse para debuxar facendo uso dun Active Pen de Wacom (á venda por separado).
O equipo inclúe 2 conectores USB-C 3.0 que serven tanto para cargar e transferir datos como para conectar unha pantalla (na liña de como fai o último MacBook de Apple, pero sen limitarse a un único porto); integra 4 altofalantes estéreo, cámara frontal de 5 Mpíxeles, cámara traseira de 8 Mpíxeles e incluso unha cámara Intel RealSense 3D que pode empregarse para recoñecer caras ou dixitalizar obxectos tridimensionais.
Tamén conta con conectividade 4G co servizo HP DataPass que permite aos usuarios gozar de banda larga móbil sen necesidade de contrato (inclúe 250 MB/mes sen custo adicional, podendo mercarse paquetes de datos adicionais a prezos asumibles).
Espérase que este equipo chegue ao mercado español en novembro a un prezo de 1.399 euros (aínda que entendemos que o fabricante con ese prezo refírese á súa configuración máis potente, xa que o prezo de partida nos EE.UU. é de 799,99 dólares).

PUBLICIDADE