O IES Muralla Romana de Lugo mostra ao alumnado as oportunidades do sector dixital
luns, 21 de xaneiro do 2019
O
IES
Muralla Romana de Lugo acolle esta semana, os días 23 e 24, un
encontro para tender pontes e vieiros entre a comunidade de
estudantes, por unha banda, e o tecido produtivo tecnolóxico da nosa
terra, pola outra. Estamos a falar do foro Perfís profesionais no
sector das TIC, que, como o seu propio nome indica, diríxese a
mostrar as posibilidades (amplas, variadas en proceso de proxección
e crecemento) de saída laboral que ofrece á xuventude o mundo das
novas tecnoloxías, amais das principais necesidades e demandas das
empresas.
Na
cita participarán un total de 10 firmas representativas do sector,
expoñendo ao alumnado que se está a formar nestes ámbitos (nos
ciclos formativos da familia profesional de informática e
comunicacións) as necesidades formativas que demandan e os perfís
profesionais máis axeitados para incorporarse a un mercado laboral
“cun enorme dinamismo”, segundo apunta a organización destes
encontros.
Na presentación das xornadas, o mércores 23 ás
10:00 h, participará Roberto Pérez Rodríguez, xerente do Clúster
TIC Galicia, o xornalista Ernesto Sánchez Pombo e un representante
da Consellería de Educación, Cultura e FP.
O
programa de actividades, que
se pode consultar na web do IES en formato PDF, inclúe
presentacións e charlas dalgunhas das nosas firmas máis punteiras
do ámbito dixital: Coremain, Raiola Networks, Bahía Software, Wide
Partner, Lugonet, Gompute, Comunitea, Dinahosting, DML Web ou Everis.
Asemade, haberá obradoiros sobre ERP ou desenvolvemento de software
(Devops).
A
cita co alumnado do IES Muralla Romana vén da man do Clúster TIC
Galicia, o propio IES Muralla Romana e a Consellería de Educación.