O IET e AMTEGA lanzan unha ferramenta para calcularmos ata onde podemos chegar cos nosos percorridos na desescalada
luns, 4 de maio do 2020
O
Goberno galego vén de activar unha ferramenta tecnolóxica que
facilita os desprazamentos nestes intres de desescalada do
Estado de Alarma pautada polo Goberno ao indicarnos onde está o
límite do itinerario a percorrer. O sistema inclúe un visor do que
podemos botar man a través da páxina web do Instituto de Estudos
do Territorio (IET). A ferramenta, habilitada en colaboración coa
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ofrece aos
cidadáns “a posibilidade de calcular con precisión o radio no que
poden desprazarse e planificar así as súas saídas”.
A
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da que depende
o IET, salienta que esta ferramenta online é de utilidade xa
que existe certa complexidade á hora de saber, sen axuda das
tecnoloxías, canto se poden afastar os nenos dos seus fogares e até
onde está permitido que cheguen os deportistas e os paseos en
familia.
Segundo
informan o IET e AMTEGA, os usuarios interesados en utilizar esta
ferramenta teñen dúas formas de calcular as distancias. A primeira
consiste en fixar directamente sobre o mapa cun punteiro a
localización do lugar de residencia e establecer a partir de aí o
radio máximo de desprazamento. A outra opción é calcular
directamente a través da pestana Medidas un percorrido
concreto seguindo os propios viarios.
