O ITG alcanza unha facturación récord de 10 millóns de euros e 130 empregados
luns, 29 de xullo do 2024
O Centro Tecnolóxico ITG alcanzou en 2023 unha facturación récord de 9,8 millóns de euros, ademais de ampliar o seu persoal ata os 130 profesionais por primeira vez na súa historia. Nestas cifras, segundo explicou este 29 de xullo Carlos Calvo (director xeral do centro), influíu o incremento nun 34% da actividade de ITG en Intelixencia Artificial grazas ás súas solucións desenvolvidas especificamente para empresas e institucións en sectores como o audiovisual, téxtil, alimentación, industria, seguridade e defensa, saúde, enerxía ou auga.
No balance tamén se fai saber que o 60% dos ingresos do centro tecnolóxico teñen a súa orixe na venda de solucións ao mercado, mentres que o 40% proveñen da súa participación en iniciativas europeas de I+D de primeiro nivel que permiten innovar continuamente a súa oferta de servizos.
“Logo de 30 anos de traxectoria”, sinalou Calvo, “o ITG posicionouse como un referente no desenvolvemento de tecnoloxías e innovación para empresas e institucións, unha actividade que recibiu o recoñecemento de excelencia Cervera do Ministerio de Ciencia e Innovación nos ámbitos específicos da Intelixencia artificial, a computación cuántica, a transición enerxética e a mobilidade autónoma”.
Calvo e Óscar González Represas (director da División TIC & IA) engadiron que a actividade de ITG, con sede na Coruña, “excede o ámbito nacional e abrangue xa 30 países”, e que a súa participación en programas europeos de I+D como Horizon Europe “consolidou a relación con empresas e entidades de practicamente todos os países da Unión Europea, así como con empresas e entidades dos Estados Unidos, Israel ou Sudáfrica”.
Estas iniciativas mobilizaron nos últimos tres anos un orzamento conxunto de todos os seus socios de 175 millóns de euros e permitiron atraer a Galicia financiamento para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos que “permiten situar á Comunidade na vangarda da innovación”, sinalaron, engadindo que “a nosa experiencia e expertise posiciónannos como centro tecnolóxico de referencia no desenvolvemento de solucións prácticas destinadas a mellorar a capacidade competitiva do noso tecido empresarial e impulsar o cambio que necesita o país”.
Explicaron tamén que o Galaxy-Lab de ITG, o laboratorio avanzado con 1.500m2 de equipamento na Cidade das TIC da Coruña, foi clave no crecemento do centro tecnolóxico. Desde a súa inauguración, hai 8 meses, foi visitado por 102 entidades e empresas que o usaron especificamente para experimentar con sistemas aéreos non tripulados no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas. As demostracións e probas de produtos nunha contorna controlada e que cumpra a normativa de seguridade grazas á súa gaiola exterior para drons de 20 metros de altura, “consolídao como un referente a nivel estatal para as empresas que necesitan realizar este tipo de actividades”, engadiron.
No ámbito da IA, lembraron que o ITG traballa para que tecnoloxías como a Realidade Virtual e Aumentada, a Visión Artificial ou o Procesamento de Linguaxe Natural poidan ser incorporadas de forma eficaz polas empresas nos seus procesos de negocio. “Desta forma, mediante o desenvolvemento de intelixencia que permite dar valor de mercado ao inxente volume de datos que manexamos hoxe en día, o centro tecnolóxico proporciona ás empresas ferramentas prácticas que achegan unha vantaxe competitiva, permitíndolles anticipar as respostas a problemas específicos”, apuntaron, engadindo que “o uso da IA para predicir as vendas e a optimizar os procesos produtivos e loxísticos asociados ás mesmas é un dos desenvolvementos máis solicitados polas empresas a ITG actualmente, así como a detección de fallos de envasado mediante Visión Artificial ou predicir a calidade de produtos alimentarios”.
“O noso obxectivo é transferir o potencial da IA ao tecido industrial e xerar un impacto real na economía”, concluíu Óscar González Represas.
