O ITG capta 4 millóns de euros para desenvolver solucións de aeronáutica, enerxía, IA e cuántica
xoves, 18 de decembro do 2025
O ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) lidera o programa estatal Cervera para centros tecnolóxicos tras obter a mellor valoración técnica e captar o maior volume de fondos na convocatoria deste ano. “Somos ademais o único centro galego que coordinamos un consorcio estatal, que se suma á nosa participación noutros tres”, informan dende o ITG, engadindo que “en total, son catro as iniciativas polas que ITG recibirá 4 millóns de euros ao longo dos próximos tres anos, o maior orzamento de entre os 49 centros tecnolóxicos que resultaron beneficiarios do programa”.
Os fondos irán destinados a investigar e desenvolver solucións orientadas ao mercado nos ámbitos enerxético, aeronáutico, da intelixencia artificial (IA) e a computación cuántica.
“A resolución desta convocatoria consolida a capacidade do noso centro tecnolóxico para liderar un crecemento estratéxico da industria a nivel nacional, así como a solvencia do ITG acreditada en I+D+i”, apuntan.
“O programa Cervera permítenos seguir impulsando a competitividade do tecido produtivo, contribuír á soberanía tecnolóxica e consolidar ITG como un actor crave no crecemento estratéxico da industria nacional nos próximos anos”, sinala o director xeral de ITG, Carlos Calvo, engadindo que “os fondos captados e o liderado dun consorcio estatal desde Galicia reforzan o noso compromiso co desenvolvemento de tecnoloxías en ámbitos críticos e estratéxicos, cunha clara orientación a transferir valor á industria”
O programa Cervera, financiado polo CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten como obxectivo impulsar a excelencia dos centros tecnolóxicos españois mediante liñas de traballo cooperativas e estratéxicas que permitan desenvolver capacidades críticas para a competitividade industrial do territorio estatal.
Está dotado con case 71 millóns de euros, dos cales 10,4 foron a parar a Galicia, e financia iniciativas de alto valor engadido, especialmente en áreas tecnolóxicas que serán determinantes nos vindeiros anos. “As propostas seleccionadas na convocatoria reflicten a especialización crecente dos centros en tecnoloxías duais para defensa, computación cuántica, adestramento avanzado asistido, IA para seguridade, materiais de nova xeración ou sistemas enerxéticos avanzados”, lembra o ITG, que lidera a iniciativa estratéxica que obtivo a maior puntuación técnica da convocatoria, un 92,5 sobre 100. Está centrada no desenvolvemento de sistemas de mobilidade autónoma capaces de operar de forma coordinada por aire, terra ou mar, con aplicación tanto no ámbito civil como en defensa e seguridade. O obxectivo é “aumentar a madurez destas tecnoloxías para que vehículos e plataformas poidan desprazarse e actuar de forma autónoma e cooperativa mesmo en escenarios complexos, hostís ou con comunicacións limitadas”.
Para iso conta coa colaboración dos centros tecnolóxicos CIDAUT (Castela e León), CTAG (Galicia), IBV e ITENE (Comunidade Valenciana) e TECNALIA (Euskadi), que traballarán de forma conxunta no desenvolvemento de solucións que permitan, por exemplo, a coordinación de múltiples vehículos autónomos a través da plataforma de comando e control desenvolvida por ITG, logrando compartir información entre eles de maneira cibersegura e que se adapten ao que acontece ao seu arredor, minimizando intervención humana.
A iniciativa conta tamén cun Consello Asesor de Defensa e Seguridade, formado por representantes das Forzas Armadas, a Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM) e empresas do sector, que axudará a orientar os desenvolvementos para que teñan unha aplicación real e práctica tanto no ámbito da defensa como noutros usos civís.
No ámbito da enerxía intelixente, ITG participa nunha iniciativa estratéxica xunto ao centro tecnolóxico valenciano ITE e os vascos CIDETEC, IKERLAN e TEKNIKER para impulsar novas solucións que melloren a eficiencia e fiabilidade do transporte e a distribución da enerxía. Búscase “avanzar cara a redes eléctricas máis modernas, capaces de adaptarse mellor á demanda, integrar enerxías renovables e responder con maior rapidez ante incidencias”.
Para iso, traballarase en tecnoloxías que permitirán predicir de forma precisa o consumo eléctrico, automatizar a xestión da rede ou optimizar o almacenamento de enerxía, entre outras aplicacións. “Isto permitirá reducir perdas, mellorar a estabilidade da subministración e facilitar unha xestión máis sostible”, sinala o ITG, que achegará a súa experiencia en dixitalización enerxética e no uso de datos para a toma de decisións, así como na validación de solucións en contornas reais ou a escala que replican a realidade de maneira controlada.
Outra das iniciativas estratéxicas nas que participa ITG, neste caso, xunto a CARTIF (Castela e León), CIRCE (Aragón), CTIC (Asturias), FIDESOL (Andalucía) e IBV (Comunidade Valenciana), vai permitir desenvolver tecnoloxías de IA orientadas á seguridade e defensa. A finalidade é “mellorar sistemas de inspección, recoñecemento e verificación de contornas de interese para as Forzas Armadas e a seguridade nacional, con escenarios de proba que inclúen operacións de rescate en situacións complexas e a vixilancia de infraestruturas críticas”.
A iniciativa traballa en solucións que faciliten a xestión e intercambio de datos de distintas fontes relevantes, o adestramento e a simulación de operacións e a investigación de novas formas de computación adaptadas a contornas esixentes.
O ITG tamén participa nunha iniciativa estratéxica no ámbito de cuántica xunto a CTIC (Asturias), Eurecat (Cataluña), ITI (Comunidade Valenciana) e Air Institute (Castela e León). O obxectivo desta rede é “avanzar a transferencia de tecnoloxías cuánticas ao sector de seguridade e defensa; e a outros sectores civís estratéxicos, como as redes eléctricas e os sistemas de navegación, favorecendo a soberanía tecnolóxica”.
Para iso vai combinar computación cuántica e IA para desenvolver solucións, algoritmos e ferramentas, que permitan procesar información de maneira máis rápida e eficiente. Tamén investigará sistemas de ciberseguridade avanzados e listos para operar en contornas reais. A iniciativa explorará ademais aplicacións prácticas da computación cuántica, como a análise de imaxes satelitais e aéreas, a optimización de despregaduras de vehículos autónomos e a mellora da navegación en contornas onde o GPS non funcione.
