O ITG desenvolverá a base de datos da construción de Euskadi

xoves, 2 de agosto do 2007 Raquel Noya

Logo de pechar un acordo co Departamento de Vivenda e Asuntos Sociais do Goberno Vasco, a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) vai asumir o deseño e posta en marcha da Base de Prezos Oficial de edificación desta devandita comunidade, logo de o goberno vasco avaliase polo miúdo a experiencia da entidade galega na creación de solucións tecnolóxicas previas e semellantes. A Base de Datos da Construción en Galicia, que agora servirá de exemplo a seguir polas institucións de Euskadi, vén de cumprir dez edicións servindo como ferramenta imprescindible para técnicos e empresas do ámbito da edificación, arquitectos, enxeñeiros, deseñadores de interiores, promotoras ou unidades técnicas das distintas administracións da nosa terra.
Neste senso, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Vivenda e Solo, vén de renovar o seu compromiso coa Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia para potenciar unha Base de Datos que favoreza o desenvolvemento de produtos innovadores na construción a partir do compendio de máis de un millón de referencias básicas para a elaboración de presupostos de obra.
A devandita Base de Datos da Construción en Galicia é, a día de hoxe, “unha das máis consultadas do sector a nivel nacional” e segundo os responsables da Fundación que a leva a cabo, “suscitou interese noutras moitas comunidades como a vasca”, á que agora lles servirá para o desenvolvemento do seu traballo cotiá.

PUBLICIDADE