O ITMATI presentou os seus avances en sistemas smart para emerxencias, enerxía e vehículos eléctricos

luns, 15 de maio do 2017 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) presentou o pasado 12 de maio a súa memoria anual e os seus casos recentes de éxito. E fíxoo nunha xornada de portas abertas que conseguiu convocar un nutrido grupo de representantes de institucións públicas e de centros tecnolóxicos, investigadoras/es do ámbito público e privado e profesionais das nosas empresas máis innovadoras. A xuntanza Coñece o ITMATI celebrouse na Facultade de Matemáticas da USC e nas instalacións do propio centro. O encontro serviu tamén para estreitar ligazóns de colaboración con empresas e administracións públicas. O presidente do ITMATI, Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, presidiu o acto. Entre os casos de éxito mostrados achábase un software avanzado para a xestión do transporte de gas ou, tamén, o desenvolvemento de sistemas intelixentes para voos cooperativos de emerxencia.
A directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e catedrática de Matemática Aplicada, Peregrina Quintela Estévez, foi a encargada de presentar a memoria de 2016. Quintela salientou que “o ITMATI é xa un centro maduro e, a medio prazo, consolidará o seu orzamento co financiamento privado, captado a través de contratos de transferencia con empresas e institucións, e de proxectos competitivos”.
En relación aos ingresos do ITMATI, fíxose saber na xornada que aumentaron un 2,75 por cento: pasaron de 1.087.372,89€ en 2015 a 1.117.288,40€ o ano pasado. Tamén se explicou que desta cifra, o 89,55% foi captada a través de contratos ou proxectos competitivos de I+D de transferencia, levados a cabo con empresas, centros tecnolóxicos e institucións; procedendo os ingresos restantes proceden das tres universidades galegas (0,72% do total) e dun convenio de colaboración co Ministerio de Defensa e outro coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a suma de ambos representan o 9,73% dos ingresos totais).
Entre as cifras analizadas, destaca o montante dos contratos de I+D directos con empresas ou no marco de convocatorias públicas, que pasou de 9.000 euros ao comezo do trienio (2013/2016) aos 791.764,38€ euros en 2016, cunha captación adicional de proxectos de I+D competitivos de 208.479,59€.
Na memoria tamén se fai saber que o persoal do ITMATI “foi quen de captar cinco novas empresas como clientes o ano pasado, que sumadas ás que xa tiña en carteira o centro, fan un total de 20 as organizacións empresariais que confiaron no centro en 2016”.
A maiores, o número de contratos desde que o centro se puxo en marcha elévase a 45, dato que tamén apunta á consolidación do instituto.
No reconto de cifras e froitos acadados ao longo do a no pasado tamén se recorda a posta en marcha da Unidade de xestión de Transferencia (UxT), ao abeiro dun convenio asinado coa Secretaría Xeral de Universidades. Esta unidade, explícase no informe, incorporou dous xestores de transferencia de tecnoloxía e innovación e dous xestores de transferencia e tradutores de tecnoloxía nos eidos de simulación e Big Data (análise da información masiva). O obxectivo final da unidade é “que o ITMATI consolide finalmente a súa actividade de transferencia da ciencia e da tecnoloxía matemática á industria, cunha estrutura adaptada ás necesidades do tecido industrial, para incrementar así o número de colaboracións e proxectos a desenvolver, e poñer en valor o coñecemento científico no eido da matemática industrial existente nas tres universidades galegas”.
Polo que respecta á internacionalización, o ITMATI afianzouse no panorama europeo participando en tres iniciativas propostas por EU-MATHS-IN e fortaleceu o seu traballo con grupos de investigación estranxeiros, como por exemplo no traballo Electrical conditions and their processs interactions in high temperature metallurgical reactors (ElMet), co instituto de investigación industrial noruegués Teknova. Ademais, concorreu de xeito proactivo en 18 encontros tecnolóxicos de carácter internacional; de feito, presentáronse cinco propostas europeas.
Polo que respecta aos casos de éxito, na xornada de portas abertas destacáronse exemplos de transferencia e cooperación como a Unidade Mixa de Investigación REPSOL-ITMATI (a través da que a firma enerxética busca incrementar a vida útil das baterías que usan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida, así como optimizar os procesos de toma de decisións, incorporando a incerteza que existe nos prezos, demandas e calidade de materias primas e produtos, entre outros aspectos) ou o proxecto ENJAMBRE (iniciativa para misións críticas de emerxencias con medios aéreos tripulados e non tripulados en voo cooperativo, sendo o seu obxectivo principal desenvolver sistemas intelixentes para o control avanzado de traxectorias que permita a operación cooperativa entre aeronaves tripuladas e non tripuladas RPAS, axudando á caracterización do territorio e á eficiencia das operacións de descarga na loita contra incendios forestais).
Tamén se fixo fincapé na importancia que cobraron en 2016 os proxectos GANESO (simulación e optimización de redes de gas, sendo o seu obxectivo principal a xestión integral e óptima de infraestruturas de transporte de gas natural, froito do cal xurdiu o software GANESO) e un proxecto coa empresa Silicio Ferrosolar que se dirixe a dar forma a un forno industrial que purifique o silicio solar por evaporación en baleiro de impurezas (o obxectivo é mellorar a eficiencia e a produtividade deste tipo de fornos).
Postos de traballo tecnolóxico e importante presenza de mulleres
O número de empregos tecnolóxicos creados nestes 3 anos de vida do ITMATI é un aspecto a ter moi en conta, en opinión dos responsábeis do Instituto, que sinalan que “é importante consolidar postos de traballo tecnolóxicos de primeiro nivel que axuden a completar a formación investigadora no eido da transferencia dos mozos e mozas recentemente titulados, e crear así unha rede de persoal altamente cualificado en matemática industrial que poida incorporarse posteriormente aos departamentos de I+D de empresas, centros tecnolóxicos e institucións”, informou Peregrina Quintela na presentación da memoria, na que tamén fixo fincapé na importante presenza de mulleres no instituto, cuxa porcentaxe é do 33%.

PUBLICIDADE