O Kindle Oasis incorpora luz con temperatura de cor axustable

mércores, 19 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Dende Amazon son conscientes de que o verán é unha época na que a lectura ocupa un lugar importante, e por iso aproveitan agora a chegada desta época para renovar o seu lector de libros electrónicos máis completo, o Kindle Oasis, que mellora a súa pantalla de 300 puntos por polgadas cunha nova luz frontal de cor axustable, de xeito que o usuario pode elixir a temperatura de cor da iluminación ou incluso configurar que se axuste automaticamente en función da hora, de xeito que de noite teriamos unha pantalla máis cálida e confortable de ler.
Lembremos que o Kindle Oasis ten unha pantalla de 7 polgadas (o eReader de Amazon de maior tamaño actualmente), resistencia á auga (IPX8) e un deseño que facilita o seu uso cunha soa man, converténdose nun produto xenial para os lectores máis asiduos, que serían os dispostos a pagar o elevado prezo do produto, que parte dos 249,99 euros para o seu modelo con 8 GB de capacidade (chegando até os 339,99 euros para o modelo con 32 GB de capacidade e conectividade 4G de balde). Iso si, haberá que agardar até o 24 de xullo para facerse cun destes trebellos.
Amazon ofrece tamén o seu Kindle básico por 89,99 euros (aínda que cunha resolución de pantalla de só 167 puntos por polgada), mentres que o seu modelo estrela sería o Kindle Paperwhite, que cun prezo que parte dos 129,99 euros consegue satisfacer á meirande parte de consumidores (xa que inclúe tanto unha pantalla con 300 puntos por polgada de definición como resistencia á auga).

PUBLICIDADE