O Maio Vintage 2020 convértese este 2 de maio nun evento online

xoves, 30 de abril do 2020 S. P.

Se ben o formato tradicional do mercado creativo boirense Maio Vintage terá que agardar a tempos máis tranquilos, o formato virtual leva semanas collendo forma, lembrándonos a importancia de seguir apostando polo consumo e a cultura de proximidade mesmo cando todo semella poñerse en contra desta aposta. Esta resistencia do Maio Vintage fronte á adversidade estivo collendo corpo no Facebook de seu, tal e como quedou manifesto hai uns días, baixo unha alentadora e positiva proclama: Haberá primavera. Segundo nos confirmaron dende a organización (a asociación Creaturas), a Pandemian Edition do mercado Maio Vintage está xa na súa recta final: celebrarase este 2 de maio conmemorando oito anos de creatividade, alegría e comercio xusto.
No Facebook xa foron anunciadas algunhas das principais novidades dun programa máis festeiro ca nunca: as colaboracións de Nelson Quinteiro Cabaret cun contacontos infantil que se emitirá o sábado e de Charlatana Coop. Galega de Artistas e a súa punkdemia pallasa; os obradoiros de La doce, Diane Onlooker e deica!; a performance de Asociación Ambar e máis os concertos de Chamaquito Pistolas e Doctor Migraña, entre outras sorpresas.
Amais de todo isto, cómpre lembrar que as organizadoras e organizadores presentaron a semana pasada o “vale compromiso” do Maio Vintage que podemos compartir etiquetando ao comercio local, produtora ou tenda pequena con quen queiramos colaborar estes días ou, tamén, “cando todo isto da crise sanitaria e da pandemia pase finalmente”.