O Microsoft Edge estrea un modo que integra a IA profundamente

luns, 28 de xullo do 2025 Redacción

Microsoft acaba de presentar o Modo Copilot, unha nova función experimental do navegador Edge que introduce a intelixencia artificial de forma integrada na experiencia de navegación. A compañía define esta novidade como un cambio de paradigma que transforma o navegador nun asistente proactivo, capaz de anticipar os desexos do usuario, simplificar tarefas e reducir a fragmentación habitual provocada por múltiples lapelas abertas.

O navegador poder responder preguntas sobre a información que estamos a consultar

Ao activar este modo, os usuarios acceden a unha interface máis limpa e simplificada, cun único campo que combina busca, navegación e chat, e que permite realizar accións por voz. Copilot pode ver (co consentimento explícito do usuario) todas as lapelas abertas para axudar a comparar opcións, extraer información relevante ou suxerir os seguintes pasos nun proxecto.
Microsoft tamén traballa en funcións máis avanzadas, como a posibilidade de realizar reservas ou compras en nome do usuario, usando información contextual como o historial de navegación ou as credenciais gardadas. En paralelo, Copilot facilitará o seguimento de tarefas pasadas organizando a navegación en viaxes temáticas, como investigar sobre negocios en liña ou preparar unhas vacacións.

Co Modo Copilot podemos empregar o navegador para comparar produtos que estamos consultando en distintas lapelas

Esta nova experiencia está dispoñible de balde, por tempo limitado, para os usuarios de Edge en Windows e Mac nos mercados onde xa funciona Copilot e, aínda que oficialmente non está dispoñible en galego, permite interactuar na nosa lingua sen problema (aínda que funcións como a tradución do audio de vídeos só funciona nuns poucos idiomas). A activación é opcional e pode desactivarse en calquera momento desde a configuración do navegador.
Microsoft insiste en que a privacidade continúa sendo unha prioridade. A compañía asegura que os datos recollidos só se empregan para mellorar o servizo e que o usuario terá sempre o control sobre o que se comparte, con indicacións visuais claras cando Copilot estea activo.
Con este lanzamento, Microsoft busca redefinir o papel do navegador na era da intelixencia artificial e anima os usuarios a probar o Modo Copilot e enviar as súas impresións para seguir afinando a ferramenta.

Vídeo promocional do Modo Copilot do Microsoft Edge