O Ministerio de Cultura pendura na Rede máis de vinte millóns de arquivos históricos

venres, 11 de maio do 2007 Raquel Noya

Até un total de 19 millóns de imaxes e 1,7 millóns de documentos procedentes dos principais arquivos españois (os grandes descoñecidos do patrimonio histórico) están dispoñibles dende o pasado 10 de maio en PARES, un portal de Internet creado polo Ministerio de Cultura para a súa visualización as 24 horas do día sen ningún tipo de restrición.
Nesta web, para a que se contou cun orzamento de tres millóns de euros, calquera usuario poderá visualizar documentos dixitalizados do valor do Tratado de Tordesillas, o testamento de Isabel a Católica, documentos de Hernán Cortés ou planos de urbanismo da época colonial, procedentes dos Arquivos de Indias, Simancas, Histórico Nacional, a Coroa de Aragón, o Xeral da Administración, o da Guerra Civil, o da Real Cancillería de Valladolid e os provinciais de Álava, Guipúscoa e Biscaia.
PARES, accesible a través de calquera navegador de Internet sen ningún tipo de descarga ou rexistro previo, achega distintas opcións de procura, a posibilidade de visionar os inventarios de contidos, modificar ó noso gusto as imaxes (aumentar ou diminuír) ou incluso imprimir os documentos e fotografías dixitalizadas; tamén permite crear unha axenda para conservar os elementos seleccionados e enviar as imaxes que desexemos por correo electrónico.
España ten un total de corenta mil arquivos de titularidade pública e privada, algúns dos cales “atesouran parte da historia do mundo” e neste senso, o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Rogelio Blanco, asegurou que “sempre que sexa posible, os arquivos dixitalizados grazas ás subvencións do ministerio serán susceptibles de seren pendurados na Rede”.
Con motivo da súa inauguración, o portal vai ofrecer tres seccións dedicadas ós Deportados españois a campos de concentración nazis (8.705 rexistros), Carteis da Guerra Civil española (2.293 carteis) e Despostas xerais do Catastro de Ensenada2 (13.118 rexistros).

PUBLICIDADE