O Ministerio de Industria leva á Coruña unhas xornadas de promoción do software legal
martes, 26 de xuño do 2007

- Salvador Soriano promocionando na Coruña as vantaxes do software legal
O subdirector xeral da Sociedade da Información do
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Salvador Soriano, presidiu hoxe a IV
Xornada da Campaña Software 100 por 100
legal na Cámara de Comercio de A Coruña que se dirixe á canle de
distribución de aplicacións informáticas para promover un cambio de tendencia
en España, onde o uso de software pirata é moi elevado cun 46% de media (que nos
fogares chega incluso ó 90%).
Soriano quere promover así a figura do software
legal, pois afirma que a “piratería
non é rendible para ninguén” (pois prexudica a fabricantes, distribuidores
e usuarios) e supón un importante freo para a incorporación á Sociedade da
Información así como é un importante atranco para a innovación.
|
|
O Ministerio de Industria incorpora esta campaña no Plan Avanza, e diríxese á
canle de distribución de software porque é o que consideran que pode dar uns
resultados máis inmediatos e efectivos, aínda que no futuro incrementarán as súas
actividades nesta dirección, posto que a campaña Software 100 por 100 legal se espallará no tempo.
A campaña
xa ten unha páxina web, e dende o Ministerio de Industria tamén emprenderán
outras vías de concienciación sobre a problemática da piratería de software,
como a edición de boletíns, accións de marketing,
encontros con profesionais e mesmo a creación dun selo de calidade que dea
seguridade ós consumidores informando dos distribuidores e empresas que
garanten o uso de software legal.
Precisamente a seguridade foi un dos elementos que destacou Salvador Soriano en
A Coruña, incidindo no feito de que o software descargado a través de redes P2P
inclúe no 68% dos casos algún efecto non desexado (spyware ou malware) polo
que recomendou o uso de software legal xa que así non se pon en risco a
información almacenada nos nosos equipos informáticos ante virus ou troianos,
ou calquera outro efecto imprevisto do uso de aplicacións informáticas de
procedencia pouco fiable.
