O Museo Virtual María José Jove e a Deputación da Coruña documentan o patrimonio arquitectónico do litoral

martes, 25 de maio do 2021 Pedro Pérez

O Museo Virtual da Fundación María José Jove, en colaboración coa Deputación da Coruña, vén de presentar o proxecto de investigación Arquitectura ao límite. Construción industrial no bordo litoral, no que se documenta, a través das novas tecnoloxías, o patrimonio arquitectónico situado na liña de costa da provincia da Coruña.
O proxecto engloba un total de 300 construcións clasificadas en 8 tipoloxías ao longo dos 965 km de costa. Así, inclúense muíños, conserveiras, estaleiros, cetarias, industria acuícola, secadoiros, portos e industria baleeira. Ademais, realizouse unha selección, que destaca pola súa singularidade, valor histórico e arquitectónico, que se recrearon en 3D ou rexistradas con imaxes tomadas con vehículo aéreo non tripulado. O proxecto apostou pola combinación destas tecnoloxías co fin de contribuír á conservación dos inmóbeis, algúns dos cales están en perigo de desaparecer.
A iniciativa tamén servirá como punto de partida para reflexionar sobre a evolución, transformación, abandono e reconversión, a través das charlas nas que participaron cinc arquitectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC: Carlos Quintáns, David García-Louzao, Elisa Gallego, Óscar Fortes e Juan Creus.
Deste xeito, Museo Virtual, plataforma dixital pioneira para a difusión da arte e a cultura, continúa na súa promoción de novas formas de incidir na investigación e na transferencia de coñecemento, facilitando a conexión entre persoas de diferentes ámbitos e disciplinas que contribúan á produción de ideas en relación a Galicia.

PUBLICIDADE