O Museo de Belas Artes da Coruña brinda un percorrido virtual polas pinturas do pavillón de caza de Filipe IV

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

O Museo de Belas Artes da Coruña acolleu este 1 de febreiro a presentación de Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubens, unha mostra de carácter virtual e inmersivo que ofrece un percorrido dixital pola colección de pintura que acubillaba o pavillón de caza do rei Filipe IV (1605-1665), e que está considerada unha das mellores coleccións do século XVII. A mostra está organizada polo Museo en colaboración co estudio VideoLab.
No acto participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que salientou o carácter “innovador” do proxecto, que permite coñecer a decoración desta edificación tomando como punto de partida dúas táboas realizadas polo propio Rubens e que se conservan no museo coruñés.
“Grazas a un gran traballo de investigación feito en colaboración coa Universidade da Coruña, púidose reconstruír de xeito virtual a arquitectura e a hipotética distribución das obras que formaron parte do programa decorativo ideado por Rubens”, subliñou Anxo M. Lorenzo, avanzando que “grazas a este exhaustivo traballo de documentación, análise e interpretación” os visitantes do Museo de Belas Artes poderán gozar ata o mes de decembro dunha experiencia o máis parecida posíbel “á vivida polo propio Felipe IV mentres habitaba o seu singular pavillón e contemplaba a impresionante colección de arte que o decoraba”.
Na mostra, grazas ao uso de técnicas de reposición fotogramétrica, modelado CAD 3D e a programación de videoxogos, o visitante poderá realizar un percorrido inmersivo polos seus espazos e interactuar con lenzos de forma natural, sen máis dispositivos que o propio corpo, cuxos movementos serán monitorizados por unha cámara de profundidade.

PUBLICIDADE