O Museo de Pontevedra convídanos a recrear cadros famosos dende o confinamento
martes, 21 de abril do 2020
O
Museo de Pontevedra é estes días un fervedoiro de propostas de
divulgación e lecer directamente encamiñadas a suavizarnos o
confinamento e facérnolo, dentro do posible, máis enriquecedor.
Onte sorprendeunos coa iniciativa #MírateNoEspello, coa que se suma
a unha proposta global que reta á xente, dende os seus fogares, a
recrear todo tipo de cadros famosos. Trátase, máis en concreto,
de que reproduzamos unha obra de arte coma se fose o noso reflexo.
O
museo pontevedrés súmase deste xeito ao desafío viral lanzado por
outros centros internacionais como por exemplo o Museo Nacional de
Ámsterdam ou o Getty dos Ánxeles, que están a encher as redes
sociais con creacións nas que, coa etiqueta "entre a arte e a
corentena", imítanse pezas recoñecidas con obxectos cotiáns
para pasar con bo humor estes días.
A
elección da peza do Museo a representar por parte da cidadanía é
libre, mais desde o equipo técnico propoñen tres posibilidades;
unha para ser interpretada por unha soa persoa, outra por unha
parella e outra por un grupo. Unha vez escollida cómpre imaxinala e
reproducir a escena, o ambiente e os personaxes “da forma máis
fiel posible” e coas cousas, persoas e mascotas que haxa na casa.
A única condición é non usar o Photoshop. Logo hai que facer unha
fotografía e compartila no Facebook do Museo, ou subila nos perfís
propios publicamente co cancelo #MírateNoEspello.
Desde
o Museo lembran que se pode "recrutar" a todas as persoas
que se queira e coas que se estea a pasar o confinamento, “sempre
tirando de bo humor”.
Tres
propostas concretas
Para
impulsar o reto, a institución achega tres obras concretas a
reproducir: a pintura Señora con sombreiro, do marinense
Manuel Torres (a denominada “Gioconda galega”, foi pintada
durante a súa estadía en París; por iso é unha moza de ambiente
urbano, tan distinta das mulleres labregas e mariñeiras que aparecen
na maioría dos cadros do artista).; O xantar, do ourensán
Silvio Fernández Rodríguez-Bastos (un dos cadros que se levou dende
a nosa terra á Exposición Nacional de Belas Artes en 1890,
representa a unha parella xantando no campo, con traxe rexional e con
produtos típicos galegos; é un exemplo perfecto da nosa mellor
pintura rexionalista) e O cego de Padrenda, de Castelao (obra
creada en 1910 polo célebre artista, escritor e político rianxeiro,
nela inmortaliza un dos últimos xograres, Eugenio Padín, máis
coñecido como o cego de Padrenda, ou polo seu alcume, "o Xan
Pirulé", título dunha das súas cantigas máis famosas; esta
obra pertenceu ao antigo Hotel Calixto de Cambados, que estaba
situado na praza do Concello).
